----

Premio para Guadi Galego na véspera do Día Internacional da Lingua Materna

A UNESCO conmemora mañá, 21 de febreiro, o Día Internacional da Lingua Materna, unha celebración instaurada en 1999 para celebrar a riqueza que supón a diversidade lingüística do planeta. Neste 2020, a UNESCO quere poñer o foco nos idiomas locais e transfronteirizos, que axudan a promover o diálogo pacífico entre os pobos que os falan e a preservar o seu patrimonio cultural. Na véspera desta celebración, a Xunta de Galicia, xunto cos gobernos de Euskadi, Catalunya, Illes Balears, Navarra e Valencia, conmemorarán conxuntamente este día en Madrid entregándolle a Guadi Galego o “Premio á promoción da realidade plurilingüe do Estado Español” polo seu disco Inmersión, no que a artista galega incluíu doce temas en sete linguas da Península Ibérica. Tras a entrega do premio, Guadi Galego ofrecerá un concerto en Callao City Lights/Cines Callao, ás 20:00 h.