NOTICIA

----

Intelectuais destacan no Consello da Cultura Galega a contemporaneidade do legado de Leopoldo Nóvoa

O humano e o artístico mesturáronse esta tarde no Consello da Cultura Galega (CCG) para recuperar a figura dun dos creadores máis destacados da arte abstracta da segunda metade do século XX: Leopoldo Nóvoa. O galerista, Adolfo Sobrino, e o arquitecto, Celestino García Braña, mantiveron unha conversa na que destacaron, entre outras cousas, o papel fundamental que desempeñou na súa traxectoria a casa da Armenteira. A secretaria da institución, Dolores Vilavedra, fixo fincapé na necesidade de “evocar a memoria desta figura dentro das artes plásticas” e anunciou a continuidade desta xornada nunha mesa redonda que o CCG celebrará o vindeiro 18 de marzo no Museo de Pontevedra sobre a faceta artística de Leopoldo Nóvoa.
Intelectuais destacan no Consello da Cultura Galega a contemporaneidade do legado de Leopoldo Nóvoa

A xornada estivo pensada como unha homenaxe a un artista, un dos máis internacionais que tivo a arte galega e unha figura de referencia na arte abstracta da segunda metade do século XX do que se cumprían cen anos do seu nacemento no pasado 17 de decembro. “Con esta actividade queremos renderlle unha homenaxe ao gran artista que foi no cen artista do seu nacemento e facemos seguindo a tipoloxía de conversa” dixo Rosario Sarmiento nunha presentación na que tamén destacou a súa condición de emigrante e o peso que tiveron o espazo, a materia e a luz nunha obra que cualificou de “código reducido pero sólida a nivel conceptual”.

A sesión, que se inclúe dentro do ciclo “En modo conversa” que promove a Sección de Creación e Artes Visuais Contemporánea do Consello da Cultura Galega, comezou coa proxección do documental dirixido por Xurxo Lobato “Novoa 1919-2019”. Nel figuras como Xerardo Estévez, Celestino García Braña, Antón Patiño, Mancho Pereiro, Quintana Martelo, Rosario Sarmiento, Ramon Rozas, Sofía Santos, Xavier Seoane e Adolfo Sobrino falan dos seu recordos e impresións do artista. Destacaron o seu carácter internacional, as súas relacións de amizade con Luís Seoane, co escultor Jorge Oteiza, co pintor uruguaio Joaquín Torres García, o artista arxentino Lucio Fontana, ou o escritor Julio Cortázar, entre outros. O documental está producido polo Museo de Pontevedra como material complementario dunha exposición homónima que está aberta neste momento. Precisamente en colaboración co Museo de Pontevedra, e no marco dunha liña de acción da institución de estreitar lazos institucionais con outras entidades do país, o Consello da Cultura Galega celebrará unha mesa redonda o vindeiro día 18 de marzo. Terá lugar no Museo de Pontevedra e levará por título “Materia e luz” que pretende destacar a parte como creador plástico. Nela participarán Xabier Seoane, Ramón Rozas, Manuel Quintana Martelo e estará coordinada pola propia Rosario Sarmiento. Nesta mesa, que é a segunda de tres citas organizadas polo Museo de Pontevedra ao fío da exposición, preténdese poñer o foco na súa faceta creativa, facendo fincapé nas distintas fases da súa pintura, da influencia que teñen os diferentes países nos que viviu.

Trala proxección Rosario Sarmiento moderou unha mesa na que estaban dúas persoas moi vencelladas a Lepoldo Nóvoa. Dunha banda, Celestino García Braña, amigo persoal e arquitecto que se encargou da construción da súa casa na Armenteira, que foi unha peza fundamental na súa traxectoria vital. Da outra, o que foi o seu galerista, Adolfo Sobrino. Entre os dous construíron un relato no que o artístico se mesturou co profesional e permitiu dar as claves da súa obra. Para eles, o factor fundamental foi o incendio do seu estudo parisiense, que precipitou a construción da casa da Armenteira na que Nóvoa e a súa muller pasaban longas estadías no verán. Nesa mesma casa na que a cheminea xogou un papel central como produtor das cinzas que despois empregaría nas súas obras. Pero para Rosario Sarmiento significou moito máis porque “foi como un renacer que dá paso a un Leopoldo moito máis maduro”. Na conversa tamén saíron outros temas, como a influencia da súa muller, o seu carácter nómade que o levou a viaxar e vivir por numerosos países e algunhas características do seu pensamento.

Perfil biográfico
Leopoldo Nóvoa é unha figura esencial para comprender a plástica contemporánea. Artista rigoroso, home reflexivo e profundo, viviu unha longa e prolífica existencia en países e circunstancias moi dispares. A súa condición nómade na busca de acomodo, espazo e lugar onde asentarse, transmitiuse coma unha luva na súa arte. Tras o incendio do seu estudo parisiense, atopou na súa casa da Armenteira a resposta a moitas interrogantes conceptuais do seu traballo. As cinzas que atopaba cada mañá cando limpa a cheminea convertéronse na base dunha pintura dramática que el mesmo trasladou como “é a cinza, porque é algo que foi e se transformou en nada, é esgotamento, do mesmo xeito que a nosa atormentada sociedade…”.