----

Institucións, asociacións e centros de ensino homenaxean a Rosalía

A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) celebrará o vindeiro domingo, 23 de febreiro de 2020, ás 12:00 h, no Panteón de Galegos Ilustres (Santiago de Compostela) o acto central de conmemoración do Día de Rosalía de Castro 2020. A AELG promove desde 2010 que cada 24 de febreiro se homenaxee a Rosalía de Castro, figura clave na reivindicación e prestixio do idioma galego no século XIX, convidando á cidadanía a agasallar un libro en galego e unha flor. A maiores, institucións, entidades culturais e centros de ensino do país tamén teñen previsto desenvolver durante os vindeiros días diferentes actividades e actos de homenaxe. No web da AELG podes manterte ao día de todo o relacionado con esta celebración.