José María Lassalle falará mañá de humanismo dixital no ciclo Pensarmos

Algoritmos, indexación, tráfico de datos, gratuidade, humanismo dixital son algunhas das ideas que mañá se abordarán nunha nova sesión do ciclo “Pensarmos“ do Consello da Cultura Galega (CCG). Baixo o título “É posible dar sentido ás máquinas? Cara a un humanismo tecnolóxico" o escritor e profesor José María Lassalle (Santander, 1966) manterá unha conversa co analista especializado en tecnoloxía política Suso Baleto. A presidenta da institución, Rosario Álvarez, e a coordinadora da Sección de Pensamento, Carme Adán, inaugurarán esta sesión que se poderá seguir a través de Internet.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

A nova edición de “Pensarmos” convida a José María Lassalle a falar de humanismo dixital nun contexto tecnolóxico. Este coñecido intelectual afirmou que “Silicon Valley é a nova Xenebra”, defende que estamos nun contexto onde a tecnoloxía está a acabar con todos os mecanismos dunha sociedade democrática. No marco da súa liña de pensamento, mañá bosquexará un escenario positivo e posibilista no que na súa opinión as claves pasan por Europa porque “é o único espazo real e con capacidade de crear complicidades para dar unha batalla cultural e económica que evitará que vaiamos cara a un ciberleviatán”.
Lassalle considera que Internet, que chegou para ser unha experiencia de liberdade, acabou por converterse nun modelo de negocio. Defende que estamos nun novo sistema baseado no tráfico de datos, nos algoritmos e na súa indexación, que deu lugar a unha monetarización que prima a uns sobre outros. “Xogouse coa inxenuidade espontánea do ser humano que se achegou a Internet pensando que todo era posible e gratis.... pero é agora cando o estamos a pagar” afirmou.
Os pensadores desta sesión
José María Lassalle é doutor en Dereito, iniciou a súa traxectoria profesional como investigador e profesor na Universidad de Cantabria e na Universidad Carlos III de Madrid. Foi coordinador científico do Centro de Estudios Hispánicos e Iberoamericanos da Fundación Carolina e, máis tarde, director desta institución. En 2004 iniciou a súa actividade política como deputado no Congreso por Cantabria. Compatibilizou a súa dedicación á política coa actividade docente na Universidad San Pablo-CEU e na Universidad Rey Juan Carlos de Madrid. En 2011 foi nomeado secretario de Estado de Cultura e, en 2016, da Axenda Dixital. En xullo de 2018 abandonou a política. É autor de numerosos ensaios e publicacións académicas sobre pensamento político e filosofía anglosaxoa, escribe periodicamente no suplemento “Ideas” de El País e en La Vanguardia e colabora en Las mañanas de RNE. Na actualidade é consultor privado e senior advisor no Observatorio Panhispánico da London School of Economics, director do Foro de Humanismo Tecnológico de ESADE así como profesor de Teoría do Dereito e Filosofía do Dereito na Universidad Pontificia de Comillas (ICADE).
Na outra cadeira de pensar sentarase Suso Baleato. Doutor en Ciencia Política e enxeñeiro Linux, é investigador asociado da Harvard University (EE. UU.) e profesor posdoutoral na Universidade de Santiago de Compostela. Especializado na aplicación de métodos computacionais para a investigación social, o seu traballo céntrase na causalidade política e socioeconómica da tecnoloxía dixital. Baleato Foi o primeiro politólogo español en publicar na prestixiosa revista Science.

Contribúe á gobernanza global da transformación dixital asesorando a organismos internacionais como a OCDE, o G7 ou o G20, con énfase na privacidade e protección de datos, a intelixencia artificial e a seguridade dixital.

O ciclo e a Sección de Pensamento
Pensarmos é un ciclo coordinado por Carme Adán que convoca cada cuarto xoves de mes a especialistas recoñecidos para tratar de asuntos de actualidade. A proposta comezou en xaneiro con Javier Echeverría para falar do concepto de tecnopersoas e de tecnofeudalismo, A conferencia de Bassets afondou no aspecto de como iso leva consigo unha especie de fascismo dixital, onde a mentira é a marca máis distintiva. Remedios Zafra perfilou o contexto actual co voluntarismo. A reflexión sobre a relación da sociedade actual co mundo tecnolóxico rematou con António Cunha, que ofreceu un relatorio titulado "Tecnoloxías: perspectivas, inquietudes e alternativas". Despois, o ciclo comezou a abordar aspectos máis sociais ao tratar temas como a eutanasia con Margarita Boladeras, o cambio climático con Carmen Velayos ou a trata de seres humanos con Teresa Rodríguez Montañés.

Os seguintes pensadores e pensadoras que participarán nesta iniciativa serán Eulalia Pérez Sedeño (26 de marzo) e Nuccio Ordine (25 de xuño).

O ciclo Pensarmos está organizado pola Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega, que coordina Carme Adán e que ten como membros a María Xosé Agra Romero, Damián Álvarez Villalaín, Ramón Máiz, Jorge Álvarez Yágüez, Antón Baamonde, Ascensión Cambrón Infante, Juan J. Casares Long, Carlos Fernández Fernández ou África López Souto. Outras actividades desta Sección revisaron personaxes destacados no mundo do pensamento e a súa conexión con Galicia, como foron Heidegger, Albert Camus ou, máis recentemente, Karl Marx.

Outras noticias que te poden interesar: