NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega e o CGAI conmemoran o 8 de marzo co ciclo de cine “Olladas de muller”

“Os fillos da vide” de Ana Domínguez abre o vindeiro martes 3 de marzo a sétima edición do ciclo de cine “Olladas de mulleres”, unha proposta organizada polo Consello da Cultura Galega (CCG) e o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) que pretende exhibir a creación audiovisual feita por mulleres. O ciclo, que continúa a liña de proxeccións e coloquios, amplíase ata sete días e inaugura unha vía de colaboración coa creación portuguesa. As proxeccións terán lugar na sede do CGAI na Coruña e a entrada é de balde.

“Nesta ocasión ampliamos o programa de cinco a sete días, co que ofrecemos unha semana real de programación” asegura Encarna Otero, “alma mater” desta iniciativa que enche de cinema o calendario que rodea a celebración do oito de marzo, Día da Muller Traballadora. “Este ano conseguimos que a implicación do CGAI fose máis alá do ciclo que propoñemos desde o Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF) do Consello da Cultura Galega e programará cinema dirixido e realizado por mulleres durante todo o mes” afirma Encarna.

En canto ao formato, seguirá a ser igual que en edicións anteriores, con proxeccións acompañadas de coloquios e con dous ámbitos temáticos ben definidos. Dunha banda haberá produción galega, que arrinca coa película inaugural, “Os fillos da vide”, de Ana Domínguez, seguida de títulos como “Esquece Monelos”, de Ángeles Huerta, “Arima”, de Jaione Camborda, ou a curtametraxe “As mulleres co mundo na cabeza”, da propia Encarna Otero Cepeda. O ciclo tamén dedica unha sesión a lembrar a figura deConcepción Arenal no bicentenario do seu nacemento, que se concreta na proxección do telefime “Concepción Arenal, la visitadora de cárceles”, produción galega de Zenit Comunicación.

A outra liña de traballo permitirá amosar producións de realizadoras portuguesas e francesas. As destas últimas son particularmente significativas, xa que se trata de restauracións das películas máis sobranceiras do colectivo feminista “Les Insoumuses”, formado por Nadja Ringart, Carole Roussopoulos, Delphine Seyrig e Ioana Wieder: “Maso et Miso Vont en Bateau” (1976), “S.C.U.M. Manifesto 1967” (1976) e “Sois belle et tai-toi” (1976). Este ano cobra especial protagonismo a cinematografía portuguesa e nesta liña proxectaranse “Colo”, de Teresa Villaverde, un devastador retrato das consecuencias da crise nunha nai e a súa filla adolescente, xunto con varios traballos da documentalista Salomé Lamas. Esta realizadora estará o día 6 de marzo presentando o seu filme “Extinção” e o libro “ExtrACtiOn: the raft of the Medusa” (Ed. Estraperlo).

A restauración dixital de “S.C.U.M. Manifesto 1967” realizouse no laboratorio do servicio audiovisual do BnF. Maso et Miso Vont en Bateau por indicación de ZKM Karlsruhe en colaboración co Centre Pompidou.

Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos
Este ciclo de cine enmárcase nas áreas de traballo do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos. Unha área coordinada por María Xosé Porteiro e que conta con membros como Carme Adán, Luz Darriba, Alba María Rodríguez ou María Dolores Pereira, entre outras. O CEDIF foi creado en 2019 como resultado do traballo desenvolvido pola Comisión de Igualdade desde o seu nacemento en 2005. Entre os seus obxectivos está a visibilización das mulleres e as súas producións; aplicar un enfoque feminista a todo o relativo á cultura e á realidade social vivida por mulleres e homes en Galicia; iniciar traballos que fan posible que o CCG contribúa á incorporación plena das mulleres na historia, na ciencia, na arte, nos medios de comunicación, nas formas da fala, na Galicia interior e na exterior a través de informes, recursos e materiais que non asumen representacións tópicas, idealizadas ou ideoloxizadas da “muller galega” e que reflictan as realidades plurais vividas polas mulleres galegas.