Ana Domínguez abre mañá no CGAI o ciclo de cine “Olladas de muller”

“Os fillos da vide” é un documental no que a directora Ana Domínguez (A Rúa de Valdeorras) visita as súas raíces nun percorrido polos ciclos da vida e as estacións e no que cobran especial protagonismo os viñedos, a vendima e o viño. É tamén o filme inaugural da sétima edición do ciclo de cinema “Olladas de muller”, unha proposta organizada polo Consello da Cultura Galega (CCG) e o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) coa intención de difundir a creación audiovisual feita por mulleres. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, será a encargada de inaugurar esta proposta que se amplía a sete días de programación e se abre á cinematografía portuguesa. Canda ela estará presente a promotora desta iniciativa, Encarna Otero. As proxeccións terán lugar na sede do CGAI na Coruña e a entrada é de balde.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

Unha proposta documental na que se mesturan etnografía e emoción nunha revelación de correntes pagás e míticas das festas populares. Con este idea de fondo, Ana Domínguez visita as súas raíces no traballo “Os fillos da vide”, co que se abre unha nova edición do ciclo de cine “Olladas de muller”. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, será a encargada de presentar esta iniciativa xunto coa membro do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CEDIF) do CCG, Encarna Otero.

Sétima edición
“Nesta ocasión ampliamos o programa de cinco a sete días, co que ofrecemos unha semana real de programación” asegura Encarna Otero, promotora desta iniciativa que enche de cinema o calendario que rodea a celebración do oito de marzo, Día da Muller Traballadora. “Este ano conseguimos que a implicación do CGAI fose máis alá do ciclo que propoñemos desde o Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF) do Consello da Cultura Galega e programará cinema dirixido e realizado por mulleres durante todo o mes” afirma Encarna. Esta proposta naceu en 2011 como o ciclo “Creadoras galegas de imaxe” e en 2014, cando iniciou a súa colaboración co CGAI, mudou o seu nome a “Olladas de muller”.

En canto ao formato, será igual que en edicións anteriores, con proxeccións acompañadas de coloquios nos que se exhibirá a vizosa creación galega e a realizada fóra. Entre os títulos galegos figuran producións como “Esquece Monelos”, de Ángeles Huerta, “Arima”, de Jaione Camborda, ou a curtametraxe “As mulleres co mundo na cabeza”, da propia Encarna Otero Cepeda. O ciclo tamén dedica unha sesión a lembrar a figura de Concepción Arenal no bicentenario do seu nacemento, que se concreta na proxección do telefilme “Concepción Arenal, la visitadora de cárceles”, produción galega de Zenit Comunicación.
A outra liña de traballo permitirá amosar producións de realizadoras portuguesas e francesas. As destas últimas son particularmente significativas, xa que se trata de restauracións das películas máis sobranceiras do colectivo feminista “Les Insoumuses”, formado por Nadja Ringart, Carole Roussopoulos, Delphine Seyrig e Ioana Wieder: “Maso et Miso Vont en Bateau” (1976), “S.C.U.M. Manifesto 1967” (1976) e “Sois belle et tai-toi” (1976). Ademais, entre os filmes deste ano figura “Exiliada” (Nicaragua/EE. UU./Costa Rica, 2019, 24’), curta documental da socióloga e documentalista nicaraguana Leonor Zúniga que se adentra na vida de Zoilamérica Ortega Murillo, fillastra de Daniel Ortega, presidente de Nicaragua, a quen denunciou por abusos sexuais en 1998. Por mor das repercusións da película tanto Zoilamérica como Leonor Zúniga tiveron que se exiliar en Costa Rica.

Este ano cobra especial protagonismo a cinematografía portuguesa e nesta liña proxectaranse “Colo”, de Teresa Villaverde, un devastador retrato das consecuencias da crise nunha nai e a súa filla adolescente. Outra realizadora lusa, Salomé Lamas, estará o xoves 6 de marzo no CGAI exhibindo o filme “Extinção” e o libro “ExtrACtiOn: the raft of the Medusa”). Son dúas partes dun proxecto chamado "A balsa da Medusa", que pretende ser unha alegoría para os estados de emerxencia en política ambiental, climática e migratoria, cun propósito ético-político. E para facelo captou "produtos secuenciais por satélite ao redor da exploración dunha imaxe alegórica composta". Retrata un breve momento de euforia dos ocupantes á deriva dunha balsa, que esperan para ser rescatados e parecen albiscar unha posibilidade de salvación. Case podemos escoitar os berros cos que intentan chamar a atención sobre a súa desesperada situación. “A balsa da Medusa” refírese ao paradigma colonial, á visión do mundo e ás tecnoloxías que marcan rexións de alta biodiversidade co fin de reducir a vida á súa conversión nun recurso a través do capitalismo, cun enorme impacto ambiental e social. O proxecto exhibirase tamén en Compostela, a través dunha colaboración que o CEDIF fixo coa sala Numax.

Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos
Este ciclo de cine enmárcase nas áreas de traballo do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CEDIF), está coordinado por María Xosé Porteiro e que conta con membros como Carme Adán, Luz Darriba, Alba María Rodríguez ou María Dolores Pereira, entre outras. O CEDIF foi creado en 2019 como resultado do traballo desenvolvido pola Comisión de Igualdade desde o seu nacemento en 2005. Entre os seus obxectivos está a visibilización das mulleres e as súas producións; aplicar un enfoque feminista a todo o relativo á cultura e á realidade social vivida por mulleres e homes en Galicia; iniciar traballos que fan posible que o CCG contribúa á incorporación plena das mulleres na historia, na ciencia, na arte, nos medios de comunicación, nas formas da fala, na Galicia interior e na exterior a través de informes, recursos e materiais que non asumen representacións tópicas, idealizadas ou ideoloxizadas da “muller galega” e que reflictan as realidades plurais vividas polas mulleres galegas.

Outras noticias que te poden interesar: