Unha mostra exhibe o resultado da bolsa de creación convocada polo Consello da Cultura Galega e a Casa de Velázquez

“Ce qui me regarde (O que me incumbe)” é unha instalación na que Ángel Montero Vázquez reflexiona sobre a identidade da súa avoa, o paso do tempo e as emocións a través do corpo e das sensacións. O seu traballo é froito dunha estadía de tres meses na Casa de Velázquez en Madrid como beneficiario da bolsa de creación convocada polo Consello da Cultura Galega e esta entidade. A instalación insírese na mostra “Casa&Co”, que exhibe os traballos resultantes de todas as estadías realizadas na Casa de Velázquez en 2019.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

Ángel Montero parte da súa experiencia como bailarín e performer para propoñer un achegamento á imaxe atravesado polo corpo e a sensación. O resultado é un traballo audiovisual que xorde do desexo de gravar a súa propia avoa antes de que desapareza, como forma de atravesar o medo e de acompañala. O proceso, que se pode ver no marco desta exposición, traballa desde o corpo, é dicir, basearse na sensación e na emoción, e afastarse o máis posible do pensamento racional e da linealidade.
Este é un dos traballos que integra a exposición “Casa&CO”, que dá conta da diversidade de perfís e disciplinas abordadas polos artistas que se beneficiaron dunha residencia na Casa de Velázquez-Académie de France à Madrid ao longo de 2019 no marco do programa de bolsas de colaboración. A mostra estará aberta ata o 15 de marzo.

Listaxe de proxectos exhibidos
María Carbonell (pintura) e Tomás Justicia (artes plásticas-instalación) (bolsas Casa de Velázquez - Fundació Miró Mallorca)
Sandrine Deumier (vídeo/realidade virtual) e Laura Llaneli (música performativa) (Bolsas Casa de Velázquez - Hangar - Institut français Barcelona)
Pedro Fraguela (composición musical) (Bolsa Casa de Velázquez – SEGIB)
Laura Orhliac (pintura) (Bolsa Casa de Velázquez - Département de Loire-Atlantique)
Claire Peressotti (poesía e narración visual) (Bolsa Casa de Velázquez - ENSBA Lyon - Le Signe)
Paula Rubio Infante (artes plásticas) (Bolsa Casa de Velázquez – Estampa)