NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega incorpora unha nova cabeceira ao proxecto “A Saia”

“Deliberadamente. Folha informativa de activismo feminista” é o título dunha publicación que Mulheres Nacionalistas Galegas (MNG) editou en dúas datas moi marcadas para o feminismo: o 8 de marzo e 25 de xullo. Nela recollían debates e denuncias do movemento desde unha ollada nacionalista. Os dezaseis números que se editaron entre 1996 e 2004 acaban de subirse á rede no marco do proxecto “A Saia”, colección dixitalizada de publicacións periódicas feministas que manteñen o Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF) do Consello da Cultura Galega (CCG) e ADHUC Teoria, Gènere, Sexualitat da Universitat de Barcelona.

O antimilitarismo, o antipatriarcado, as diversas formas de violencia contra as mulleres, dereitos reprodutivos, a precarización, os espazos de independencia e a visión feminista fronte á globalización e Europa son algúns dos temas que esta publicación abordou durante os oito anos que durou esta experiencia. Ao proxecto tamén se suma un terceiro número editado nos anos 1998, 2001 e 2002 a coincidir con outra data reivindicativa: o 25 de novembro.

Con respecto a esta publicación destaca a cabeceira indepndente do resto da páxina co xogo de palabras do título: de-liberada-mente. Tivo unha extensión e estrutura moi variables, combinando breves con reportaxes e destaca a sección “Lendo o jornal”, onde se ofrece unha revista de prensa desde a perspectiva feminista. Informa puntualmente da aparición da Agenda Feminista Galega. Adoita empregar o monocromo en tinta violeta sobre papel branco, ou o monocromo noutras cores (gris, verde ou azul) en función das temáticas. Por exemplo, o número de 2003, dedicado ao desastre ecolóxico do Prestige, foi en tinta negra sobre branco. Todos os números están redactados integramente en galego seguindo a normativa reintegracionista.
Cada 8 de marzo, o Consello da Cultura Galega sube ao seu proxecto “A Saia” unha nova publicación. Con esta nova incorporación, son xa 15 as cabeceiras que serven para construír o relato do movemento feminista en Galicia, pero tamén unha parte da historia do país.

“A Saia”
“A Saia” é un proxecto conxunto do Consello da Cultura Galega, a través do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF), e ADHUC. Iníciase en 2012 e toma o nome da publicación “A Saia”, a primeira revista feita por un colectivo feminista independente en Galicia. O obxectivo último desta proposta pasa por poñer a disposición do público unha documentación de utilidade para todas as persoas interesadas nos feminismos e na historia contemporánea. Nestas publicacións pódense documentar con moito detalle os debates sobre as accións reivindicativas, o pensamento e as formas de creación xeradas así como as recorrentes revisións sobre a articulación do suxeito político do feminismo.