NOTICIA

----

Un convenio permite poñer na rede o epistolario cruzado entre Carballo Calero e Otero Pedrayo

Son 167 cartas nas que se pode ler sobre a Real Academia Galega, a literatura galega e as preocupacións comúns entre Ramón Otero Pedrayo e Ricardo Carballo Calero. Un material fundamental para profesionais da investigación ou persoas interesadas na cultura galega e que xa se poden consultar na rede. A iniciativa é resultado da colaboración institucional entre o Consello da Cultura Galega (CCG), a Fundación Otero Pedrayo. Esta fin de semana asinouse en Trasalba un convenio que posibilita esta iniciativa e que permite coñecer figuras esenciais da cultura galega a través das súas propias cartas.
Un convenio permite poñer na rede o epistolario cruzado entre Carballo Calero e Otero Pedrayo

No marco deste convenio pódense ler 167 cartas que Otero Pedrayo e Carballo Calero se cruzaron entre 1949 e 1975. As misivas que o polígrafo ourensán lle enviou ao ferrolán están depositadas no Parlamento de Galicia, mentres que as inversas están na Fundación Penzol. A través destas cartas podemos ler sobre a súa preocupación polo estado de saúde de Castelao, pola elaboración de textos e conferencias, a literatura galega, pero sobre todo, a relación persoal e de amizade entre eles, así como moitos outros asuntos particulares.
O convenio, asinado entre a Fundación Otero Pedrayo e o Consello da Cultura Galega permitirá, a través da web de ambas as dúas institucións, difundir o epistolario do polígrafo ourensán co homenaxeado nesta ocasión polo Día da Letras Galegas pero tamén o doutros destinatarios. De feito, a propósito do Ano Fraguas xa se puxo a disposición do público un conxunto de 104 cartas enviadas polo escritor ourensán e o vello profesor entre 1928 e 1976. Un material que se atopaba depositado no Museo do Pobo Galego, posuidor do arquivo persoal de Antonio Fraguas Fraguas.

Proxecto Epístola
O Consello da Cultura Galega puxo en marcha en 2014 o Proxecto Epístola que pretende ofrecer un innovador xeito de difundir a inxente e heteroxénea fonte documental relativa a figuras ilustres da cultura galega. Desenvolvuese unha aplicación informática para procesar ese material documental que permitiu un mellor coñecemento de remitentes e de destinatarios, que supón a apertura de perspectivas de coñecemento sobre a época da escritura, os seus contextos, e tamén simplifica o proceso de comprobar datos e circunstancias. Ademais, tamén posibilita difundir relacións destas figuras cos seus contemporáneos, aportaba moitos detalles da vida e da obra, ao tempo que axudaba a interpretar a situación política, social e literaria da época.

A edición dixital dos fondos epistolares pretende facilitar a tarefa dos numerosos investigadores, así como a organización deste fondos, poñer en relación documentación conservada en diferentes centros e o aceso á documentación por diferentes criterios de busca: onomásticos, cronolóxicos, temáticos, xeográficos, entre outros.

Este proxecto, permanentemente aberto, iniciouse coa dixitalización de cartas de figuras de referencia como son Luís Seoane ou Rosalía de Castro. Con respecto de Rosalía colgouse unha colección de dezaseis cartas enviadas por ela que permitiu descubrir unha imaxe da poeta atípica, moi consciente de ser escritora. Con respecto de Luís Seoane, iniciouse a dixitalización do epistolario cun lote de misivas que comprendeu as súas comunicacións persoais coa intelectualidade arxentina e co grupo vigués de Galaxia.

Fondo Ramón Otero Pedrayo con Ricardo Carballo Calero