O Consello da Cultura Galega adía a súa actividade presencial por mor do coronavirus

A Comisión Executiva do Consello da Cultura Galega acordou o peche ao público dos seus arquivos e a biblioteca; adiar as actividades públicas da institución para as vindeiras semanas e manter a difusión dos seus proxectos a través das súas plataformas web (o web corporativo consellodacultura.gal e o portal de divulgación cultural culturagalega.gal). Todas estas medidas están encamiñadas a conter a pandemia do coronavirus.

O Consello da Cultura Galega decidiu suspender a actividade presencial da institución. Iso supón a cancelación dos eventos de todo o mes de marzo, as presentacións e as roldas de prensa previstas. Estas medidas adóptanse co obxectivo de manter unhas boas prácticas de prevención e contención da enfermidade. Os diferentes arquivos (o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia, o Arquivo Sonoro de Galicia, o Arquivo da Emigración Galega e o Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos) e a biblioteca permanecerán pechados ao público ata novo aviso.

Manteranse os labores de difusión dos proxectos da actividade a través do sistio web consellodacultura.gal, así como a actualización do portal de divulgación cultural culturagalega.gal. Ademais, seguirán activas as contas das redes sociais da institución. Toda novidade sobre o desenvolvemento da actividade da institución poderá seguirse a través destas plataformas.