NOTICIA

----

Os fondos hemerográficos enriquécense coa dixitalización de novos números de “A Nosa Terra”

Informou, en clave galega, da realidade social, histórica e política. “A Nosa Terra”, desaparecido en 2011, é un semanario de referencia para comprender a historia recente do país. O Consello da Cultura Galega publica hoxe o último lote cun centenar de exemplares que culmina o proxecto de dixitalización e difusión dunha etapa desta cabeceira. A dixitalización de mil números deste semanario entre os anos 1977 e 2001 responde a un convenio entre a institución e a Fundación A Nosa Terra para facilitar a preservación e difusión desta cabeceira desde a súa etapa histórica de principios do século XX, o período no exilio e a máis próxima no tempo. Esta iniciativa insírese nunha área de traballo da institución de pór a disposición da cidadanía unha ampla hemeroteca.

A presidencia de Xosé Ramón Barreiro na Real Academia Galega é a portada do número 1.014 de “A Nosa Terra”. Con el complétase o proxecto de dixitalización e posta a disposición do público na rede da etapa en papel desta histórica cabeceira. Nas súas páxinas puidemos seguir temas como o conflito sobre a galeguidade da obra de Cela trala concesión do Premio Nobel, reflexións documentadas sobre a política forestal, informes da comunidade europea coa recomendación de reducir a extensión do eucalipto en Galicia, a guerra de Irak ou a supertaxa láctea, entre moitos outros.

Os 1.014 exemplares subidos dan conta dun período no que se produciron numerosos cambios sociais e políticos e no que agromaron iniciativas como a recuperación da memoria histórica. Ademais, tamén serve para coñecer como o equipo de redacción desta cabeceira practicou un xeito novo de facer xornalismo, dando cabida a novos temas como o ecoloxismo, o feminismo ou o mundo do traballo e tratando de diferente xeito os deportes.

“A Nosa Terra”
É un periódico galego semanal de liña nacionalista nacido o 2 de decembro de 1977 en Santiago de Compostela e desaparecido en 2011. É herdeiro da cabeceira histórica bilingüe creada en 1907 na Coruña promovido por Florencio Vaamonde, Manuel Murguía, Rodrigo Sanz, Evaristo Martelo e Manuel Lugrís para levar a cabo unha política agrarista e de contido romántico e literario. A finais de 1916 a cabeceira pasa a se converter no voceiro do ideario das Irmandades da Fala, opta polo monolingüismo en galego e unha liña nacionalista e agrarista de denuncia do caciquismo. Case sesenta anos máis tarde, unha comisión de fundadores integrada por Xoaquín Acosta Beiras, Xosé Luís Fontela Rodríguez, Felipe Senén López Gómez, Xosé Enrique Morales Quintan e César Varela García retoma o nome da vella cabeceira para crear un periódico galego semanal, segundo afirman “non un voceiro de opinión como nas etapas anteriores, senón que fará fundamentalmente xornalismo de información”. Dirixido por Margarita Ledo, o primeiro equipo de redactores da nova etapa está formado por Xosé López García, Xosé Ramón Pousa Estévez e Antón López Galocha e conta con amplo número de colaboradores. Logo será dirixida por Xosefina López Curral e Xosé Currás. No ano 1981 traslada a súa redacción a Vigo onde verá a luz ata setembro de 2011 baixo a dirección de Afonso Eiré e, nos últimos anos, de Manuel Veiga Taboada.

En virtude dun convenio de colaboración asinado en 2018 entre o CCG e a Fundación A Nosa Terra fíxase a cesión provisional do fondo deste xornal para a dixitalización e a súa posta a disposición pública e gratuíta a través da web institucional do CCG. Os fondos hemerográficos son propiedade da Fundación A Nosa Terra; o Consello da Cultura Galega encargouse da súa dixitalización e programou a difusión dese fondo en series de cen exemplares que remata hoxe.

Proxectos hemerográficos
Entre as áreas de traballo do CCG figura prestar atención á produción xornalística como un recurso patrimonial. Por ese motivo, e en cumprimento dos obxectivos fundacionais do Consello da Cultura Galega, a institución acometeu a dixitalización de numerosas cabeceiras. Entre os fondos recuperados destacan títulos como “El Catón Compostelano”, primeiro ensaio do xornalismo do país, ou outra cabeceira histórica, o xornal compostelán “La Noche”. Entre os proxectos máis recentes figura “Céltiga”, revista que foi o punto de encontro da intelectualidade galega residente en Arxentina entre 1924 e 1932.

Con nesgo de xénero, o Consello da Cultura Galega, en colaboración co ADHUC – Centre de Recerca Teoria, Gènere, Sexualitat (antes Centre Dona i Literatura) da Universitat de Barcelona, mantén “A Saia”, un proxecto que a día de hoxe conta con 15 cabeceiras que serven para construír o relato do movemento feminista en Galicia, mais tamén unha parte da historia do país.