NOTICIA

----

Unha xornada do Consello da Cultura Galega propón un marco lexislativo que favoreza o mecenado

“A cultura do mecenado” é o título dunha xornada desenvolvida polo Consello da Cultura Galega (CCG) que analizou a situación do mecenado en Galicia da man de representantes de institucións e organismos públicos e privados que ofrecen ou precisan este recurso. A organización, compartida polo CCG, Concomitentes e a Fundación Daniel y Nina Carasso, contou coa coordinación de Fran Quiroga e María Xosé Porteiro. Desta cita sae un documento con recomendacións para potenciar o mecenado.

“É preciso afianzar o mecenado como un servizo que garanta o dereito á cultura, á equidade, e mais a complementariedade no financiamento da cultura, e tamén como prestador de servizos, apoio ou asesoramento” fixa unha das dez conclusións dun documento asinado por María Xosé Porteiro e Fran Quiroga, que está encamiñado a mellorar a acción do mecenado en Galicia. Entre as medidas propón aumentar a información para superar as desconfianzas, visibilizar o papel e as vantaxes así como aumentar a transparencia, rendición de contas e a gobernanza. Ademais, propón delimitar os lindes entre patrocinio e mecenado, e apostar por unha administración proactiva que busque e fomente o uso deste recurso para redistribuír e ampliar o número de benfeitores. Para iso, suxire un marco lexislativo favorable e que entenda os seus beneficios máis alá do económico. Tamén recomenda a realización dun segundo encontro dirixido a buscar solución e propostas perante a próxima celebración do Xacobeo 2021.

O pasado 4 de febreiro o Consello da Cultura Galega organizou unha xornada que pretendía facer un balance da cuestión sobre este tema en Galicia. A cita permitiu coñecer a situación de entidades creadas en Galicia, como a Fundación Barrié ou a Fundación RIA, da man dos seus responsables, José Manuel Arias e David Chipperfield, respectivamente; así como de entidades como a Fundación Daniel y Nina Casasso, creada polo fundador de Danone, que están a desenvolver actividades en Galicia. Os vídeos de todas as intervencións desta cita e mais o documento de conclusións xa están dispoñibles desde a páxina web da institución.