----

Un especial web afonda na figura de Carballo Calero

O 25 de marzo de 1990 morría en Santiago de Compostela Ricardo Carballo Calero. Con el desaparecía unha figura fundamental da cultura galega, un elo entre as vizosas manifestacións culturais, sociais e políticas anteriores a 1936 e a recuperación tras a democracia. Represaliado no franquismo, mantivo un continuado e intenso labor que canalizou a través do ensino, das colaboracións na prensa e da investigación sobre a lingua e a literatura. Neste especial ofrecemos audios, imaxes, un roteiro e un perfil biográfico que axuda a entender a dimensión desta figura á que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

Henrique Rabuñal asina a biografía que traza o perfil profesional e humano dunha figura que dedicou unha parte importante da súa vida a estudar e entender a lingua e a literatura deste país. Defendeu para o galego, mesmo nos difíciles tempos do franquismo, a idea dunha lingua culta e en pé de igualdade coas demais. Escribiu, xunto con Ramón Piñeiro e Filgueira Valverde, as primeiras normas ortográficas e morfolóxicas do galego que foron aprobadas pola Real Academia Galega. Mais anos despois iniciaría un camiño de defensa da unidade lingüística galego-portuguesa e a necesidade de planificar, desde o consenso, a aproximación ao tronco común luso-afro-brasileiro. Foi a gran figura do reintegracionismo galego.

Accede ao especial


Rabuñal tamén é o autor dun roteiro que propón un percorrido por tres espazos nos que Carballo Calero desenvolveu a súa actividade intelectual, profesional e persoal: Santiago, Ferrol e Lugo. Un itinerario que se propón para tres xornadas, que parte da casa natal en Ferrol e remata na estación de tren de Lugo, un lugar simbólico desde o punto de vista persoal: foi o lugar onde despediu á súa familia para ir a Madrid en 1936 e onde, seis anos despois, abrazou por primeira vez á súa filla, despois de que a guerra o cercase en Madrid.

A parte gráfica consta de fotografías pertencentes ao arquivo documental do Consello da Cultura Galega, da Real Academia Galega e a unha serie de fotografías moi recoñecidas do autor ferrolán realizadas polo fotógrafo Moncho Rama, que as cedeu para uso exclusivo deste especial web.

Desde o Arquivo Sonoro de Galicia ofrécense cinco documentos que pertencen á Colección O Facho e que permiten escoitar na súa voz as súas opinión sobre o galego e o portugués, sobre Castelao ou Otero Pedrayo, entre outros galeguistas da época.