NOTICIA

----

O ciclo virtual "(Re)pensamos" propón unha reflexión coa actualidade

Jorge Riechmann é un recoñecido filósofo, poeta e ecoloxista. Nas súas continuadas intervencións fala sobre a sustentabilidade e tamén alerta que nos encamiñamos cara a un planeta inhóspito. O seu pensamento non pode estar máis de actualidade e por iso a conferencia que impartiu no Consello da Cultura Galega abre o ciclo virtual “(Re)pensamos”. Cada xoves, o web institucional recuperará un relatorio de recoñecidas figuras do pensamento que reflexionan sobre un aspecto da actualidade. Ofrecemos o vídeo da intervención que tivo lugar na sede da institución e mais o texto que cada autor preparou sobre esa materia e que integra a publicación “Cultura, sentido e política”.

Cada xoves convidamos o público a unha nova reflexión coa cultura da man de recoñecidos pensadores da cultura que estiveron no Consello da Cultura Galega. A intención é recuperar un material de reflexión en boca dos seus protagonistas e ofrecer un novo espazo para que a cidadanía poida volver pensar a actualidade. Este ciclo virtual ofrece o vídeo da intervención que tivo lugar na sede da institución xunto co texto posterior que cada autor elaborou para formar parte da publicación “Cultura, sentido e política”.

Nesta primeira recalada comezamos con Jorge Riechmann e co seu relatorio “Cara a unha cultura de sustentabilidade (valores, mudanza cultural e ecosocialismo no século da gran proba)”. Este pensador aborda, en vinte e cinco interesantes sentenzas, a necesidade de camiñarmos cara a unha cultura da sustentabilidade. «Aló onde medra o perigo, medra tamén o que nos salva», advírtenos, e cómpre disipar os numerosos equívocos que penden sobre o concepto de «desenvolvemento sustentable» para non errar nos pasos que seguir. “A crise ecolóxica non é un problema ecolóxico: é un problema humano”; “Non podemos confiar no poder dos consumidores: só no dos cidadáns e cidadás”; “Ecoloxizar a economía e a sociedade non é só apertar o cinto: tamén é vivir mellor”; “É hora dunha economía de equilibrio biofísico e crecemento moral”; “A camarilla nihilista que non acepta a necesidade de transformar a nosa way of life aínda segue ao mando, mentres que os problemas empeoraron dramaticamente” ou “Se aspiramos de veras á sustentabilidade, daquela non estamos a falar de melloras incrementais, senón dun cambio de modelo” son algunhas reflexións que nos dan pé a pensarmos sobre a situación que estamos a vivir e os profundos cambios que dela derivarán.

Cada xoves ofreceremos novos enfoques para a reflexión da man de figuras como Isabel Burdiel, Luis Moreno, Nira Yuval-Davis…, ata un total de vinte e catro intelectuais, axudarannos a revisar o concepto plural de cultura, as moitas maneiras de entendela e as súas implicacións.

Outras noticias que che poden interesar