NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega avanza datos do sector teatral galego no Día Mundial do Teatro

As mulleres ocupan un papel importante no teatro galego. No Día Mundial do Teatro, que se celebra cada 27 de marzo, o Consello da Cultura Galega (CCG) avanza cifras dun estudo encamiñado a analizar a realidade do tecido teatral no noso país. Os primeiros resultados destacan que a maior parte dos xestores de teatro son mulleres e confirman que o público segue a ser eminentemente feminino. Engade tamén que o galego é a lingua maioritaria de representación e que os espectáculos infantís son os máis demandados. O CCG celebra este día con outras novidades: a publicación do epistolario entre Ricard Salvat e Luís Seoane, que dá conta das relacións entre o dramaturgo catalán e a cultura galega, e mais a incorporación de 35 novos termos ao “Dicionario de termos escénicos”.

“Informe sobre o teatro galego: creadores, xestores e públicos” é o nome dun estudo no que o Observatorio da Cultura Galega, servizo dependente do Consello da Cultura Galega, está a traballar para coñecer a realidade do teatro galego. No marco desta investigación realizáronse tres enquisas distintas destinadas a coñecer os públicos, os xestores e os creadores de teatro.


Consulta o informe


As mulleres ocupan un papel relevante no teatro galego dun lado e outro das táboas. Por unha banda porque o perfil do xestor teatral galego é dunha muller, cunha media de 49 anos, sen dedicación exclusiva, sen formación específica nin experiencia previa en xestión cultural. Segundo os datos do Observatorio, 9 de cada 10 espazos que dependen destes programadores son públicos. Trátase de teatros pequenos, de pouca capacidade e con orzamentos escasos. De feito, a maioría non obtén ingresos por venda de entradas e esta situación dáse, sobre todo, no rural. Por outra banda, está o público. O perfil era xa coñecido de análises anteriores e este estudo confirma que se mantén a realidade: as mulleres son as que máis asisten ás representacións. Teñen entre 30 e 49 anos, estudos universitarios e ingresos relativamente altos. Viven soas e fundamentalmente en cidades. As persoas que acoden ao teatro van con bastante frecuencia, case 7 veces ao ano.

Polo medio, no eido da creación, o perfil é máis equilibrado. Predominan os homes, de 46 anos de media e cun elevado nivel de formación, tanto xeral como específico, cun salario que rolda os 900 €. Relacionado con esta cifra, o informe pon en evidencia o escaso orzamento das compañías de teatro.

O avance preliminar evidencia deficiencias estruturais, escaseza técnica, tempos curtos entre preparación e estrea (as compañías dispoñen soamente de tres meses de preparación) e a inexistencia de sistemas de medición da satisfacción do público. Este estudo destaca tamén o papel de Internet para a difusión da programación e para a venda de entradas.

Ademais, constata que o 76% das funcións programadas foron en galego, con maior presenza desta lingua no rural que nas cidades. Esta lingua tamén é a preferida polo público.

Por último, os tres colectivos estudados coinciden en sinalar que os xéneros escénicos máis demandados son, en primeiro lugar, o teatro infantil, seguido do de adultos, moi por diante de musicais, circo, variedades ou danza. Estes tamén son os xéneros máis representados, pero con orde inversa, xa que se programa máis teatro para adultos que infantil.

Ricard Salvat e a cultura galega
No marco deste día tamén se publican 14 cartas que se corresponden co epistolario cruzado entre Luís Seoane e Ricard Salvat. Ricard Salvat foi dramaturgo, ensaísta, director escénico de teatro e ópera, profesor e promotor cultural. Pero tamén unha figura de referencia que serviu para conectar escenarios distintos como Madrid, Roma, México, Budapest, Coimbra pero tamén Ribadavia ou A Coruña. Estivo moi vencellado á cultura galega, que coñeceu por medio de Xesús Alonso Montero e que pronto o cativaría a través de importantísimos dramaturgos galegos como Castelao, Álvaro Cunqueiro ou Valle-Inclán. Pero Ricard Salvat non só se asomou ás letras galegas como director teatral e estudoso do teatro, senón que traduciu ao catalán obras galegas destacadas: prosa de Castelao; poemarios de Martín Codax e de García Lorca.
Descubre o epistolario Salvat-Seoane


Desde culturagalega.gal, o portal de divulgación cultural do Consello da Cultura Galega, publícase unha reportaxe que contextualiza e dimensiona esta parte do epistolario. Conta a historia da intensa relación entre o dramaturgo catalán e Galicia a partir do proceso de creación da montaxe teatral Castelao e a sua época, dirixida polo primeiro e producida polo Círculo de Iniciação Teatral da Academia de Coimbra (CITAC) en 1969. Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo encargábanse da escenografía e figurinismo do espectáculo. A obra, prohibida pola censura portuguesa, nunca foi representada e estivo perdida durante varias décadas.
Le a reportaxe de Culturagalega.gal


35 entradas novas no “Dicionario enciclopédico de termos escénicos”
Entre as novidades preparadas para esta efeméride está tamén a incorporación de 35 novas entradas do “Dicionario enciclopédico de termos escénicos”. Nas novas entradas destaca teatro político, psicodrama, escenificación, teatro isabelino ou posta en escena. Este proxecto arrincou en 2018 con 300 entradas que inclúen descricións, gráficos e fotografías agrupadas en dez categorías: teoría, literatura dramática, historia, escenografía, pedagoxía, dirección de escena, dramaturxia, interpretación, socioloxía e pedagoxía. O proxecto está dirixido por Inma López Silva, quen, xunto con Roberto Pascual, redactou as entradas. Ademais incorpora algún infográfico elaborado por Diego Valeiras e material que foi achegado polas propias compañías do sector escénico e do Centro Dramático Galego.

Consulta o Dicionario de Termos Escénicos