----

O Consello da Cultura Galega rendiu homenaxe á memoria e ao legado da arquiveira, historiadora e académica Olga Gallego Domínguez

O Consello da Cultura Galega homenaxeou hoxe a memoria e o dilatado labor profesional da arquiveira, historiadora e académica Olga Gallego Domínguez (Ourense, 1923-2010). Unha xornada incluída no ciclo “Mulleres e historia”, organizada pola Comisión de Igualdade, analizou a súa obra e o seu legado, ao tempo que chamaba a atención sobre “o labor de tantas mulleres que sostiveron e sosteñen o sistema de arquivos e bibliotecas públicas”. A sesión foi presentada por Ramón Villares, presidente da institución, e por María Xosé Agra Romero, coordinadora da Comisión de Igualdade e organizadora do programa, que coordinaron Carmen Pérez Pais e Concepción Varela Orol.

Ás sesións, nas que interviron doce relatoras, asistiu Pilar Gallego Domínguez, irmá da homenaxeada, xunto con sesenta investigadoras, expertas e estudosas da arquivística. O programa comezou coa disertación de Pedro López Gómez (profesor da Universidade da Coruña e posuidor dunha brillante traxectoria como arquiveiro) que explicou a “paixón” de Olga polos arquivos e salientou as súas capacidades profesionais, docentes e investigadoras. Tamén o seu traballo pioneiro nos estudos da arquivística, dentro e fora de Galicia. Lembrou asemade o seu compromiso coa sociedade, desde o Arquivo Histórico Provincial de Ourense, “onde exerceu como directora e mestra”. Pola súa parte, Ramón Villares apuntou que Olga Gallega servira á comunidade “a través dunha institución da memoria”. Seguiu a sesión científica “Tradición e modernidade na arquivìstica”, introducida por Francisco Díaz-Fierros, vicepresidente do Consello da Cultura Galega, e que contou cos relatorios de Iria Torreiro Rodríguez, María de la O Suárez Rodríguez, Gabriel Quiroga Barro e María Dolores Pereira Oliveira.

Pola tarde desenvolveuse a “Sesión da memoria”, moderada por Encarna Otero Cepeda, coas intervencións de Olimpia López Rodríguerz, María del Mar García Miraz, Francisco Fariña Busto, Yolanda Barriocanal López e Mercedes Durany Castrillo, que homenaxearon “ á mestra e á amiga”, tamén protagonista do audiovisual co que rematou a xornada.