----

Presentamos cun audiovisual a tradución da obra de Concepción Arenal “A muller do porvir”

En 1869 Concepción Arenal publicou “A muller do porvir”, unha obra que ofrecía unha lectura inusual sobre as mulleres. No marco das celebracións do centenario do nacemento desta revolucionaria muller, o Consello da Cultura Galega traduce esta obra para o galego nun formato especial. Ademais do prólogo da especialista María Dolores Ramos, inclúe outros materiais que axudan a contextualizar a autora e a significatividade desta publicación. Por mor da cancelación da actividade presencial para conter a pandemia do coronavirus, o Consello da Cultura Galega adaptou para a rede o formato de presentación desta publicación. Faino a través dun audiovisual en que a presidenta da institución, Rosario Álvarez, xunto con María Xosé Porteiro, Inma López Silva, Mabel Rivera, Isabel Naveira e Celia Pereira prestan as súas voces nunha lectura colectiva deste texto para difundir o pensamento desta muller irrepetible.

“A muller do porvir” é unha obra coñecida de Concepción Arenal reeditada en numerosas ocasións. O Consello da Cultura Galega pona en galego (en tradución de María Alonso Seisdedos) nun volume que conta con materiais engadidos: o prólogo da especialista María Dolores Ramos e tamén a crónica das «Conferencias dominicales» celebradas na Universidade de Madrid para a educación da muller e unha escolma das «Cartas aos delincuentes», destinadas a instruír acerca das nocións máis básicas que fundamentan o dereito, en especial o dereito penal. As algunhas das súas ideas, pioneiras no seu día, teñen aínda vixencia e ofrécennos a oportunidade de virar a ollada cara á situación das mulleres, en xeral, e das presas, en particular.

Presentación virtual
O Consello da Cultura Galega adaptou para a rede o formato de presentación desta publicación. Seis mulleres len fragmentos das “conclusións” que Concepción Arenal escribiu no seu libro “A muller do porvir”. Como di María Dolores Ramos no prólogo, “a lectura de ‘A muller do porvir’ nas primeiras décadas do século XXI non só é un antídoto para facer fronte aos relatos que aletargan o corazón das mozas coa chegada de ‘príncipes azuis’ e finais felices, senón que achega o coñecemento necesario para seguir os camiños percorridos polas mulleres españolas á busca da súa emancipación. É un revulsivo tamén para transformar as conciencias e combater as leis, costumes e formas de vida discriminatorias, abusivas e intolerables aínda vixentes”.

As mulleres que protagonizan este audiovisual son as mesmas que o pasado 31 de xaneiro participaron nun acto co que o Consello da Cultura Galega arrincou a súa homenaxe a Concepcion Arenal. Esta actividade desenvolveuse nunha cadea (no cárcere da Lama en Pontevedra). Comezou coa proxección do filme “Concepción Arenal, a visitadora de cárceres”, dirixido por Laura Mañá e protagonizada por Blanca Portillo, que aborda a figura e o labor da avogada, escritora e humanista galega. A TV movie conta como, desde a cadea de mulleres da Coruña, inicia a súa loita activa por mellorar as condicións de vida e instrución das presas e por iniciar a reforma das institucións penitenciarias. No coloquio posterior á proxección participaron Celia Pereira Porto, estudosa da obra de Concepción Arenal; dúas das actrices do filme, Mabel Rivera (Juana de Vega) e Isabel Naveira (María, presa), así como a subdirectora de tratamento da cadea, Ana Terlera Bao. Os internos e as internas mantiveron un intenso diálogo en que se abordaron temas como as posibilidades e formas de reinserción, a formación, a maternidade dentro da cadea, a pertinencia dunha figura independente como a que exerceu Concepción Arenal no seu tempo, medidas para evitar a reincidencia e tamén a perspectiva diferenciada das mulleres dentro da cadea.

Outras actividades
Neste ano 2020 o Consello da Cultura Galega organizará diversas actividades para conmemorar o bicentenario do nacemento de Concepción Arenal. Alén da mencionada actividade cultural no cárcere da Lama e desta publicación, realizará o Congreso "Concepción Arenal 1820-2020. A conciencia da razón" os días 10 e 11 de setembro de 2020, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela e para o que está aberto o chamado de comunicacións.

Concepción Arenal
“Odia o delito e compadece o delincuente” é unha das frases máis célebres desta pensadora, avogada, feminista e renovadora nada en Ferrol o 31 de xaneiro de 1820 e finada en Vigo o 4 de febreiro de 1893. Foi unha muller extraordinaria que se adiantou ao pensamento feminista español do século XIX, como demostra a súa idea de que “a sociedade non pode en xustiza prohibir o exercicio honrado da súas facultades á metade do xénero humano”.
Formouse, reflexionou e traballou para liberar as mulleres da predestinación, da ignorancia e da dependencia. Desenvolveu un inxente labor intelectual e publicou preto de corenta libros, nos que criticou duramente a sociedade do seu tempo. Foi precursora na reivindicación da capacidade intelectual das mulleres e do dereito a recibiren a mesma educación que os varóns. Desde ben nova dicía que “ser muller non significa ser parva” e quería cursar estudos superiores, algo inaudito nunha muller daquela época. Contra a opinión da súa familia, comezou a asistir á universidade aos 21 anos, vestida coma un home porque as mulleres tiñan prohibido ser universitarias. Colaborou en revistas e xornais e escribiu poesía, teatro, zarzuela, novela, ensaio e textos científicos de carácter xurídico. Entre moitas outras obras publicou “Cartas a los delincuentes” (1865), “El reo, el pueblo y el verdugo o la ejecución de la pena de muerte” (1867) ou “La mujer del porvenir”, un libro en que definía como debía ser a muller do futuro.

Outras noticias que che poden interesar