NOTICIA

----

Presentamos un percorrido virtual pola obra de Domingo de Andrade no Día das Artes Galegas

O 1 de abril é o día que a Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario celebra o Día das Artes Galegas. Este ano a figura homenaxeada é Domingo de Andrade. Aínda que os actos convocados para recuperar o legado deste fecundo arquitecto están adiados por mor da situación actual que vivimos, o Consello da Cultura Galega (CCG) propón un percorrido por cinco obras clave da súa arquitectura seleccionados e comentados por Alfredo Vigo Trasancos, membro da Sección de Patrimonio e Bens Culturais da institución.

Alfredo Vigo Trasancos, profesor da Universidade de Santiago e membro da Sección de Patrimonio e Bens Culturais, fixo para o Consello da Cultura Galega unha escolma de cinco pezas que dan as claves da obra arquitectónica de Domingo de Andrade. Aproveitando a escolla, desde a institución proponse un roteiro virtual sobre Santiago de Compostela para descubrir in situ estas obras destacadas do arquitecto. As pezas van desde a Torre do Reloxo, a primeira obra como arquitecto da catedral e todo un fito do xacobeo, ata o Pórtico Real da Quintana. Polo medio, a Cuncha de Praterías, a tripla escaleira de caracol de San Domingos de Bonaval ou a capela do Pilar.

Para contextualizar a importancia de Domingo de Andrade doportal de divulgación cultural Culturagalega.gal pon en rede unha serie de reportaxes sobre o barroco ademais dalgun aspecto curioso desta figura, como é a unha receita para fabricar bombas que figura nunha carta que Andrade lle envía ao XI Conde de Lemos.

O roteiro virtual
O roteiro comeza na Torre do Reloxo (1676). Explica Alfredo Vigo que é “a súa primeira obra como arquitecto da catedral e tamén a súa obra mestra e todo un fito do xacobeo, pois pon de manifesto a nova arquitectura barroca que estaba a xurdir en Compostela como unha invención cargada de intencións. Quere ser o símbolo do santuario, o seu teito vertical e a imaxe metafórica dunha Nova Xerusalén que, grazas á tutela apostólica, converte Galicia nunha especie de Paraíso. Manda sobre a cidade e o reino, sinalando o sepulcro do Apóstolo; aínda que tamén quere representar os dons derramados polo Ceo sobre todas as Españas, sobre as que Santiago era patrón e protector. Iso xustifica todas as súas arquitecturas e adornos, a súa desmaterialización e a súa elocuencia simbólica que está presidida polo escudo real”.

A segunda das paradas do itinerario fala da Cuncha de Praterías do ano 1685. “Supuxo un exercicio de habilidade técnica pois tivo que agachar de maneira enxeñosa unha escaleira que subía desde o interior da catedral ás salas do Tesouro de Praterías. Como tiña que sobresaír sobre a fachada e non podía tampouco descansar sobre o chan da rúa, dispuxo pechala cun estoxo pendurado no aire que fica sustentado por unha gran trompa, nunca vista nas súas dimensións na arquitectura compostelá. Finalmente vestiuna cunha vieira e a cruz de Santiago, como se representase ao Apóstolo á maneira dun forte atlante e coa caixa alta imitando a arquitectura de Rodrigo Gil de Hontañón, autor da fachada do Tesouro. Deste xeito, Andrade converteu a súa arquitectura barroca nunha obra renacentista que rende homenaxe ao seu predecesor”.

Unha das súas obras máis coñecida, a tripla escaleira de caracol de San Domingos de Bonaval (1695) é a terceira das paradas do roteiro. “Aínda que é unha obra de carácter intimista pois une dous pavillóns privados do convento, foi unha realización de grande enxeño e foi considerada decontado unha ‘marabilla’ galega. Máis que o funcional domina nela a fantasía, ao dispor nun espazo breve e circular tres caracois que soben sinuosos cara ao alto e cada un a unha planta diferente. Permite ver e ser visto, converténdose así nunha especie de escenario. Á vez é tamén un prodixio técnico pois os seus chanzos son dunha estrema finura e susténtanse no muro e nos finos nervios espirais que ascenden ata a bóveda. Finalmente, Andrade non esqueceu incluír a metáfora, xa que os caracois de Bonaval, como se fosen unha enorme columna salomónica, son imaxe dunha sublime subida aos ceos”.
De aí volvemos á catedral, concretamente á capela do Pilar (1696). Conta Alfredo Vigo que se proxectou inicialmente como a nova sancristía que a catedral precisaba e, como non se dispuña de moito espazo, Andrade fixo da necesidade virtude, convertendo o recinto nun espazo ascensional cheo de contido triunfal, razón pola cal dominan na cúpula os motivos xacobeos. “Asume formas clásicas e ‘góticas’, pero sobre todo converte a taracea marmórea nunha exhibición coa que ningún outro arquitecto galego se enfrontara. No seu día a sancristía estivo presidida por un Santiago ecuestre feito tamén de mármores. Por esa razón imperan nas pedras as cores negra e vermella, pois eran características do funerario e o martirial. Cando Fernando de Casas a converteu en capela da Virxe do Pilar, substituíu o Apóstolo polo retablo actual e fíxoo con cores e formas máis claras e preciosistas, dándolle ao espazo unha identidade máis feminina”.

Este percorrido virtual remata no Pórtico Real da Quintana (1696). Andrade non chegou a construír unha gran fachada para a catedral pero, para Vigo Trasancos, “puido cando menos proxectar a composición do Pórtico Real da Quintana no esconce que forma a praza e na que tivo que aproveitar moitos elementos que xa existían dunha portada anterior, obra de Peña de Toro. É evidente que Andrade renunciou ás formas máis adornadas do barroco compostelán, por outras onde dominan as formas clásicas das pilastras e columnas que ritman a fronte con solemnidade. Se cadra débese a unha intención de irmandar o barroco compostelán co romano, tendo en conta que 1700, data da súa culminación, foi ano santo nas dúas cidades apostólicas. Iso xustificaría que o barroco galego se vexa máis na espadana, que estivo presidida por un Santiago ecuestre entendido como defensor das Españas, claramente representadas no escudo real”.