NOTICIA

----

O equilibrio entre emoción e razón centran a segunda proposta do ciclo virtual “(Re)pensamos”

“O lugar das emocións na política” é o título do relatorio que Victoria Camps, catedrática emérita de Filosofía moral e política da Universidade Autónoma de Barcelona impartiu no Consello da Cultura Galega. A súa conferencia intégrase no ciclo virtual “(Re)pensamos” que reflexionan sobre un aspecto da actualidade. Ofrecemos o vídeo da intervención que tivo lugar na sede da institución e mais o texto que cada autor preparou sobre esa materia e que integra a publicación “Cultura, sentido e política”.

Cada xoves convidamos o público a unha nova reflexión coa cultura da man de recoñecidos pensadores da cultura que estiveron no Consello da Cultura Galega. A intención é recuperar un material de reflexión en boca dos seus protagonistas e ofrecer un novo espazo para que a cidadanía poida volver pensar a actualidade. Este ciclo virtual ofrece o vídeo da intervención que tivo lugar na sede da institución xunto co texto posterior que cada autor elaborou para formar parte da publicación “Cultura, sentido e política”.

Nesta ocasión, rescatamos unha conferencia desta catedrática de Filosofía da Universitat Autònoma de Barcelona, que bota man de Aristóteles, Spinoza e Hume para equilibrar as relacións entre as emocións e a razón. Camps reivindica a importancia de que a ética do noso tempo recupere as leccións destes tres filósofos e preste máis atención ao lugar que o sentimento ten nela. «Fixarse nas emocións é tamén un xeito de corrixir a idea, témome que xeneralizada de máis, de que abonda con elaborar códigos morais ou lexislar para as condutas mudaren” aseguraba a autora. Na súa opinión requírese unha aprendizaxe e unha formación non só no conecemento de dereitos e principios, senón no de como xestionar e administrar os sentimentos. Engade que «o que debemos facer» non pode discorrer á marxe do «que debemos sentir». Mais a apreciación positiva do papel das emocións non pode levarnos a substituír a ética racionalista por unha ética emotivista. “Cómpre atender á emoción sen desatender a razón” sintetiza.

O ciclo
A primeira recalada deste ciclo levounos a Jorge Riechmann que falou da necesidade de camiñar cara a unha cultura da sustentabilidade. Este pensador abordou, en vinte e cinco interesantes sentenzas, a necesidade de camiñarmos cara a unha cultura da sustentabilidade. «Aló onde medra o perigo, medra tamén o que nos salva», advírtenos, e cómpre disipar os numerosos equívocos que penden sobre o concepto de «desenvolvemento sustentable» para non errar nos pasos que seguir. “A crise ecolóxica non é un problema ecolóxico: é un problema humano”;