----

Compilamos unha serie de publicacións no Día Internacional do Libro Infantil e xuvenil

O día 2 de abril celébrase en todo o mundo o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil. Con tal motivo, o Consello da Cultura Galega preparou unha escolma de varios títulos editados pola institución e dirixidos a público infantil e xuvenil cos que unirnos á conmemoración. “As laranxas máis laranxas de todas as laranxas”, “Mar adiante”, “Os dados do reloxeiro” ou “Pó de estrelas” son algunhas das propostas deixamos a disposición da cidadanía.

Consulta o especial

A escolla inclúe a edición facsimilar de As laranxas máis laranxas de todas as laranxas de Carlos Casares, editada co gallo da celebración do Día das Letras Galegas de 2017. Trátase dunha pequena peza dramática desbordante de alegría que Carlos Casares escribiu a principios dos setenta e se converteu pronto nun clásico do teatro infantil. O texto gañou o Concurso de Textos Teatrais O Facho en 1973 e editouse con ilustracións orixinais de Luís Seoane. O nacemento nun limoeiro dunhas enormes laranxas que estoupan ao tocalas reúne a toda unha colección de veciños estraños e dá pé a un rosario de situacións absurdas e hilarantes. Desta mesma colección ofrecemos Mar adiante de María Victoria Moreno, a súa primeira novela en lingua galega e unha das novelas fundadoras da literatura infantil en galego. A obra recolle o relato dunha mestra que lle contou un día ao profesorado do seu colexio que acababa de poñer escola nun barco, o Arroás. Como non a creron, e ela sabe que non o soñou, escribe a historia para que o seu alumnado a coñeza. Esta edición conmemorativa saída do prelo en 2018 está enriquecida cun texto orixinal da autora, ilustrado por ela mesma, pero que non era coñecido do público: o conto mecanoscrito «Crarisca». Ademais, dous estudos previos dotan esta publicación dun trazo moi orixinal: unha achega propia do experto en historia literaria, Xesús Alonso Montero, e un texto escrito por Sara Alonso Pimentel en forma de carta persoal que dá resposta a «unha conversa pendente».

Propostas para público xuvenil
Xa para público xuvenil difundimos os libros Os dados do reloxeiro e Po de estrelas (Novas receitas científicas de Os dados do reloxeiro) de Xurxo Mariño. Mariño, científico e profesor da Universidade da Coruña, escribiu en culturagalega.org a inicios dos anos 2000 "Os dados do reloxeiro", unha serie de artigos quincenais de divulgación científica que continúan a ter vixencia hoxe. Actualidade, humor e atención ás grandes cuestións da ciencia do noso tempo foron algunhas das claves das columnas de Xurxo.
Estes libros supoñen unha colección de reflexións persoais ofrecidas cun tratamento divulgativo no que teremos a ocasión de ver reflectidas moitas cuestións da vida común, tratadas dende unha óptica científica: esa óptica que fai máis libre ao seu posuidor, a quen emprega eses criterios para intentar comprender o contorno. Lonxe dos antigos medos que proporcionaba a crenza en meigallos, Xurxo Mariño lévanos ao estado de tranquilidade propio de quen coñece os mecanismos dos procesos que o rodean, mais sempre cunha teima moi concreta: poñer os coñecementos ao alcance de cadaquén, empregando palabras cotiás, exemplos accesibles, nunca baixando no rigor científico nin no nivel de coñecemento. Trátase dunha viaxe ao mundo físico e biolóxico no que vivimos, un mundo gobernado polo azar dos dados lanzados por un reloxeiro chamado evolución.

Banda deseñada
Finalmente, ofrecemos Vivir no solo, un cómic con guión de Marilar Aleixandre e asesoramento de Francisco Díaz-Fierros e María Teresa Barral Silva e ilustracións de Estudio Tangaraño, elaborado pola Sección de Ciencia, Técnica e Sociedade co obxectivo de explicar a necesidade de protexer o solo galego fronte a unha urbanización agresiva e sen planificar. Este cómic forma parte dunha serie na que tamén contamos cos títulos De quen é a auga?, O sabor das mazás e Parando a marea negra, obras de gran valor para a concienciación ambiental da nosa mocidade e todos eles con guión de Marilar Aleixandre.