O Consello da Cultura Galega amplía a colección Clásicos da emigración con “Cousas gallegas” de Fortunato Cruces

Detrás de “Cousas gallegas” hai poemas, discursos e outros materiais que o xornalista e avogado Fortunato Cruces publicou en 1923. É tamén o terceiro volume da colección Clásicos da emigración coa que o Consello da Cultura Galega (CCG) e a Secretaría Xeral da Emigración recuperan, en edición facsimilar e con estudos introdutorios, obras fundamentais para entender o fenómeno migratorio. Nesta ocasión o historiador e vicepresidente do CCG, Xosé Manoel Núñez Seixas, é o encargado da análise da obra. Ademais da publicación, o CCG presenta a entrada de Fortunato Cruces no Álbum de Galicia, así como a difusión de diferentes exemplares de “Nova Galicia”, o xornal que dirixiu e que tivo bastante repercusión en Arxentina.

O terceiro volume da colección Clásicos da emigración pon o foco na figura de Fortunato Cruces, xornalista e avogado nado en Galicia e finado en Bos Aires. Xosé Manoel Núñez Seixas explica na introdución que se trata dun autor que “representou un modelo de traxectoria profesional de éxito como líder étnico, no marco dunha comunidade inmigrante que medrou ininterrompidamente entre 1890 e 1930”. Participou en numerosas publicacións como “La Colonia” ou “La Justicia”, articulista de moitas outras como “Eco de Galicia” e “Páginas de España”, pero foi desde “Nova Galicia” desde onde foi artífice e intérprete da imaxe da colectividade galega e de Galicia perante a sociedade arxentina.
Cruces era un home populacheiro, achegado á mentalidade dos inmigrantes do común, sen descoidar o trato coas elites. Pretendeu converterse nun intermediario entre os movementos sociopolíticos que xurdían en Galicia, sobre todo o agrarismo, e o tecido asociativo da colectividade emigrante de Bos Aires. Este libro dá conta dese carácter chocalleiro e populista que agochaba a súa defensa da autonomía de Galicia dentro dunha España que seguía a considerar como nación. O libro que agora reeditamos publicouse xustamente no ano en que comezou o seu declive que se debe, en parte, ao seu apoio á ditadura de Primo de Rivera.

O Consello da Cultura Galega aproveitou a presentación virtual desta publicación para subir ao Álbum de Galicia a entrada de Fortunato Cruces. Ademais, ofrécense fondos documentais pertencentes ao Arquivo da Emigración Galega, entre eles un exemplar do ano 1923 da cabeceira que el dirixiu “Nova Galicia”. Trátase dun número especial no que lle fan unha homenaxe e contén moitas das fotografías máis difundidas desta figura da emigración.

Colección Clásicos da emigración
“La emigración en Galicia” publicada por Ramón Castro López en 1923 foi o punto de apertura dunha colección de libros que, baixo o título Clásicos da emigración, pretende ofrecer un reflexo fiel do que supuxo a emigración galega tanto para aqueles que a viviron desde os seus países de destino como para os que os viron marchar.

A colección está integrada por unha ducia de títulos de diferentes xéneros que hoxe en día son difíciles de atopar en bibliotecas ou librarías, e que así poden ser máis accesibles para o público investigador, mais tamén para calquera persoa interesada no tema. Reúne as distintas perspectivas que marcaron un dos fenómenos demográficos máis importantes dos últimos séculos en Galicia a través de obras que abranguen tanto ensaios como literatura de ficción ou biografías, entre outros xéneros, escritos entre principios do século XX e os anos 60, aproximadamente. Cada un dos volumes está prologado por un especialista contemporáneo na materia, como Ramón Villares, Pilar Cagiao ou Raúl Soutelo, entre outros.

Arquivo da Emigración Galega
O Arquivo da Emigración Galega é un centro que desenvolve proxectos de investigación que intentan aproximarse ao fenómeno migratorio desde os máis diversos enfoques, cun carácter netamente interdisciplinar. Entre as súas áreas de traballo está a difusión de estudos sobre o fenómeno migratorio, a través de publicacións de obras de interese cultural e científico. Está dirixido por Xosé Manoel Núñez Seixas e conta entre os seus membros con Pilar Cagiao, Anxo Lugilde, Antía Perez ou Luís Domínguez.

Outras noticias que te poden interesar: