“Urxa”, “Continental” e “Sempre Xonxa” son moito máis que as tres películas que en 1989 se estrearon en salas de cinema. Son un fito da cultura galega contemporánea. Baixo esta premisa, CCG e a CRTVG botaron a andar esta iniciativa que pon á disposición do público este patrimonio audiovisual, contextualizado con outros recursos e materiais didácticos que permiten comprender a relevancia desta efeméride. O proxecto complétase agora coa posta na rede do filme “Urxa”.
30 anos de audiovisual galego
Este proxecto pretende dar a coñecer as claves da linguaxe audiovisual, pero tamén o contexto social e cultural no que se xestaron “Urxa”, de Carlos L. Piñeiro e Alfredo García Pinal, “Continental”, de Xavier Villaverde, e Sempre Xonxa, de Chano Piñeiro. Da man da unidade didáctica elaborada por José Antonio Cascudo analizarase como estres tres filmes trataron temas moi relacionados coa nosa cultura, como son a emigración, o papel da muller, o imaxinario e a fantasía popular, a relación coa literatura ou a propia Guerra Civil. O proxecto permite a visualización gratuíta deste patrimonio audiovisual durante un ano, así como o acceso ao material complementario. No marco desta colaboración, o portal de divulgación cultural Culturagalega.gal está a publicar unha serie de reportaxes sobre estas tres longametraxes, mentres que a Radio Galega elaborará varios podcast co making off, anécdotas e curiosidades da creación destes filmes.
Esta iniciativa pretendía recordar un momento relevante para o audiovisual galego. Nos anos oitenta, a Xunta, Televisión de Galicia e o concello de Vigo promoveron a creación de Cinegalicia. Aquel encontro posibilitou a estrea destes tres filmes no Cine Fraga e no Centro Cultural García Barbón, máis a celebración de encontros, mesas redondas, proxeccións, unha publicación e unha exposición.