Completamos o proxecto “Trinta anos de audiovisual galego” co filme “Urxa”

“30 anos de audiovisual galego” é unha iniciativa do Consello da Cultura Galega (CCG) en colaboración coa Corporación Radio e Televisión de Galicia para dar a coñecer os tres filmes fundacionais do cinema galego. O proxecto culmina hoxe poñendo na rede "Urxa", o filme de Carlos Piñeiro e Alfredo García Pinal que abriu un novo capítulo no audiovisual galego. Está dividido en tres capítulos ou relatos breves, ideados orixinalmente como curtametraxes independentes, que narran tres momentos na vida de Urxa (Luma Gómez), unha muller con poderes sobrenaturais que representa o estereotipo da bruxa na tradición galega.

“Urxa”, “Continental” e “Sempre Xonxa” son moito máis que as tres películas que en 1989 se estrearon en salas de cinema. Son un fito da cultura galega contemporánea. Baixo esta premisa, CCG e a CRTVG botaron a andar esta iniciativa que pon á disposición do público este patrimonio audiovisual, contextualizado con outros recursos e materiais didácticos que permiten comprender a relevancia desta efeméride. O proxecto complétase agora coa posta na rede do filme “Urxa”.

30 anos de audiovisual galego


Este proxecto pretende dar a coñecer as claves da linguaxe audiovisual, pero tamén o contexto social e cultural no que se xestaron “Urxa”, de Carlos L. Piñeiro e Alfredo García Pinal, “Continental”, de Xavier Villaverde, e Sempre Xonxa, de Chano Piñeiro. Da man da unidade didáctica elaborada por José Antonio Cascudo analizarase como estres tres filmes trataron temas moi relacionados coa nosa cultura, como son a emigración, o papel da muller, o imaxinario e a fantasía popular, a relación coa literatura ou a propia Guerra Civil. O proxecto permite a visualización gratuíta deste patrimonio audiovisual durante un ano, así como o acceso ao material complementario. No marco desta colaboración, o portal de divulgación cultural Culturagalega.gal está a publicar unha serie de reportaxes sobre estas tres longametraxes, mentres que a Radio Galega elaborará varios podcast co making off, anécdotas e curiosidades da creación destes filmes.

Esta iniciativa pretendía recordar un momento relevante para o audiovisual galego. Nos anos oitenta, a Xunta, Televisión de Galicia e o concello de Vigo promoveron a creación de Cinegalicia. Aquel encontro posibilitou a estrea destes tres filmes no Cine Fraga e no Centro Cultural García Barbón, máis a celebración de encontros, mesas redondas, proxeccións, unha publicación e unha exposición.