NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega traslada o Concerto das Letras ao 30 de outubro

O Consello da Cultura Galega (CCG) acordou adiar o Concerto das Letras Galegas ata o 30 de outubro, en consonancia coa medida adoptada pola Real Academia Galega, entidade promotora do Día das Letras Galegas, que ante a situación provocada pola pandemia da COVID-19 trasladou o seu pleno extraordinario ao derradeiro día de outubro. Dese xeito, a nova data fixada para o concerto, véspera do grande acto institucional protagonizado pola RAG, coincide co 110º aniversario do nacemento de Ricardo Carballo Calero. A decisión adoptada polo CCG ante a situación actual afecta tamén ás actividades deste segundo trimestre do ano que ben se trasladan de data no calendario ben se adaptan a unha contorna virtual.

O Concerto das Letras Galegas é unha actividade institucional que o Consello da Cultura Galega organiza desde o ano 2011 e que pretende servir de antesala festiva ao Día das Letras Galegas. O concerto desenvólvese nunha localidade relacionada coa persoa homenaxeada e implica a estrea dunha peza musical encargada para a ocasión. Coa nova data fixada, a décima edición do concerto terá lugar no aniversario do día do nacemento de Ricardo Carballo Calero, figura homenaxeada neste 2020. O concerto desenvolverase no Teatro Jofre de Ferrol.

O anuncio do adiamento do Concerto das Letras Galegas está en consonancia coa decisión adoptada este mércores pola Real Academia Galega sobre o Día das Letras Galegas, entidade promotora desta celebración, que adiou o pleno extraordinario dedicado a Ricardo Carballo Calero. A RAG realizará esta xuntanza solemne en Ferrol o 31 de outubro.

O desenvolvemento da situación actual motivada pola pandemia da COVID-19 parece indicar que na contorna da data conmemorativa das letras galegas, o 17 de maio, non será posible celebrar actos públicos concorridos. Por iso, na mesma liña, o Consello da Cultura Galega está a preparar diferentes propostas para contribuír, nunha contorna virtual, a manter activo o día 17 de maio como a gran festa das nosas letras e a Carballo Calero como o seu protagonista en 2020.

Adiamento e adaptación da actividade
Coa declaración do estado de alarma o pasado 15 de marzo, o Consello da Cultura Galega realizou modificacións sobre a programación prevista para este segundo trimestre. Isto supuxo a adaptación para a rede dalgunhas das actividades previstas, como foi o caso das presentacións das publicacións “A muller do porvir” de Concepción Arenal ou a reedición de “Cousas gallegas” do xornalista e avogado Fortunato Cruces (dentro da colección "Clásicos da emigración"). Ademais, algunhas das citas previstas no calendario, como os “XXII Encontros para a normalización lingüística”, inicialmente programados para os días 16 e 17 de abril, desenvolveranse finalmente os días 1 e 2 de outubro.

O Consello da Cultura Galega comparte o sentir da demanda común dos profesionais do sector cultural que inzaron estes días as redes sociais galegas de publicacións co cancelo común #NonNosCanceles, para buscar novas datas para actividade cultural programada para o primeiro semestre e evitar por todos os medios a súa cancelación.