----

Ramón Villares e Antonio Izquierdo participan no V Congreso Mundial de Colectividades Vascas, en Donostia, convidados polo Goberno Vasco

O Presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, e Antonio Izquierdo Escribano, membro da Comisión Técnica do Arquivo da Emigración Galega, interveñen hoxe en Donostia-San Sebastián con senllas ponencias no VIII Seminario Internacional “Euskal Herria máis alá das fronteiras”, convidados polo Lehendakari Patxi López. As sesións, centradas no tema “Políticas Autonómicas e Emigración”, forman parte do V Congreso Mundial de Colectividades Vascas.

Ramón Villares disertou esta mañá sobre “Políticas culturais na Diáspora. A Colectividade Galega como axente de Acción Exterior”. Pola tarde participará nunha mesa redonda xunto con Julián Celaya (Dirección para os Cidadáns e as Colectividades Vascas no Exterior), Francesca Guardiola (Relacións Exteriores da Generalitat de Catalunya), José Luís Lizundia (Academia da Lingua Vasca), Yolanda Gómez (da Dirección Xeral da Cidadanía Española no Exterior) e Josémari Vélez de Mendizábal, Director de Euskonews.

Pola súa parte, Antonio Izquierdo Escribano, catedrático da Universidade da Coruña e integrante da Comisión Técnica do Arquivo da Emigración Galega (Consello da Cultura Galega) presentou o relatorio “Inmigración e política nun país de emigrantes”.

O VIII Seminario Internacional “Euskal Herria máis alá das fronteiras” foi ideado como lugar de encontro e foro de debate entre o mundo académico e o institucional coa fin de presentar, analizar e debater desde unha perspectiva comparada as políticas autonómicas relacionadas co feito migratorio das Nacionalidades Históricas de Cataluña, Galicia e o País Vasco.

O Seminario ten lugar no Palacio de Congresos “Kursaal” de San Sebastián, no marco do V Congreso Mundial de Colectividades Vascas programado entre o 2 e o 4 de novembro.