NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega inclúe a Ricardo Portela no Álbum de Galicia e ultima un libro homenaxe polo seu centenario

Foi un dos grandes gaiteiros de Galicia. Un loitador pola dignidade deste instrumento que procurou fuxir da consideración da gaita como instrumento para amenización e exhibición patriótica. Era Ricardo Portela e este ano cúmprense cen anos do seu nacemento. O Consello a Cultura Galega acaba de incluír a súa entrada no Álbum de Galicia, asinada por Ramón Pinheiro, e ultima con Carlos Núñez unha publicación que poñerá en papel as partituras desta figura fundamental. Carlos Núñez explicanos nun vídeo como xurdiu este proxecto no que leva traballando máis de trinta anos.




No século XX produciuse unha simplificación folclorizante da gaita galega que evitou representar e transmitir toda a riqueza das gravacións dos gaiteiros históricos de principios de século, entre eles Ricardo Portela. Foi o propio Portela quen lle pediu a Carlos Núñez que transcribise as súas partituras. Esta encarga é a base da publicación coa que Núñez e o Consello da Cultura Galega celebran o centenario do nacemento deste gaiteiro e que verá a luz proximamente.

Unha entrada para o álbum
Ramón Pinheiro “Chito” é o autor dunha biografía que axuda a comprender o devalar vital e profesional deste músico que nace en Pontevedra en 1920 e que acaba por ser un referente no mundo da gaita, non só polo seu virtuosismo, senón pola súa concepción de outorgar dignidade a un instrumento relegado ás exhibicións folclóricas.

Apuntamentos da súa biografía
Ricardo Portela nace en Viascón en 1920 no seo dunha familia que lle inculca a paixón pola música. Con 14 anos recibe unha gaita en Do brillante de Antonio Represas. Non foi un regalo máis, senón o punto de inicio dunha das traxectorias máis destacadas da gaita galega.

A Portela roubáronlle a gaita e por ese motivo pasa trece anos sen tocar. Desenvolveu a súa vida militar en diferentes localidades, nese tempo casou e iniciou un traballo como protético dental. Esa etapa rematou en 1945 cando recibe un punteiro de Faustino Santalices, co que se reencontra outra vez coa gaita. Emigrou a Venezuela, onde se mantivo moi activo culturalmente e deu forma a “Aires de Pontevedra”, a súa particular relectura dunha “Alborada” de Manuel Villanueva de Poio. Regresou a Pontevedra en 1959 e xunto ao seu irmán Jesús realizaron actuacións ocasionais e gravaron tres discos simples en 1968, para os que contaron con Carlos Conde, Elvino Palmeiro e José Iglesias Melitón na percusión.

De 1974 a 1986 traballou no hospital de Montecelo e continuou co estudo da gaita ata que en 1979 descobre as de Xosé Seivane. Con elas prepara a gravación “Foliada en Viascón” con Xosé Ferreirós e Serafín Vicente, de Faíscas do Xiabre. O impacto desta gravación foi enorme no mundo da gaita, fundamentalmente polo emprego da dixitación pechada. Entre os temas deste traballo figura a peza “Aires de Pontevedra”, versionada polos grandes nomes da música celta, de Milladoiro a Carlos Núñez, pasando por Patrick Molard ou Robert Mathieson.

Nos oitenta multiplicou as súas actuacións, desenvolveu un intenso labor docente no que dignificou a gaita galega, participou na gravación de varios traballos e ocupou a presidencia da Asociación de Gaiteiros Galegos. Morreu sen rematar o seu último traballo, “Pasarrúas” de Campañó. Gaiteiros de toda Galicia acudiron ao cemiterio para renderlle unha póstuma homenaxe interpretando conxuntamente a “Marcha de San Benito”.