----

O Consello da Cultura Galega promove a presenza da poesía galega no sitio web Asymptote

Asymptote é un dos principais sitios para a literatura mundial en tradución e un portal moi respectado polo mercado no mundo editorial en inglés. Neste número de abril pon os ollos na literatura galega. Alba Cid e Chus Pato encabezan o “Galician Poetry Feature” un dosier que sitúa a cultura galega neste escaparate mundial e que conta co apoio do Consello da Cultura Galega (CCG).

O Consello da Cultura Galega apoia a presenza da literatura galega nun dos principais sitios webs de referencia mundial de literatura en traducción. Faino no momento en que os indicadores alertan do incremento da lectura en soporte dixital. Baixo a etiqueta “Galician Poetry Feature”, e coa coordinación de Jacob Rogers, o portal Asymptote destaca voces recoñecidas coma Chus Pato, Manuel Rivas ou Luz Pozo Garza, canda a figuras máis novas coma Ismael Ramos, Alba Cid ou Lara Dopazo Ruibal. Esta escolla ofrece unha mostra ampla de temas, contidos e estilos que amosan a riqueza e a vizosa creación da poesía galega actual. Ademais da escolma, destaca tamén a tradución dos poemas feita por nomes coñecidos para a literatura galega como Kathleen March, Erin Moure, Jacob Rogers ou Jonathan Dunne.


Asymptote


A escolma de poesía inclúe dezaseis poemas de oito creadores con nove tradutores. Eirín Moire traduce a Chus Pato (The Face of the Quartzes); Jonathan Dunne a Eva Veiga (The Poems); Harriet Cook and Patrick Loughnane a Gonzalo Hermo (Six Poems); Neil Anderson a Ismael Ramos (Firelights); Jacob Rogers a Alba Cid (Atlas); Laura Cesarco Eglin a Lara Dopazo Ruibal (claus and the scorpion); Kathleen March a Luz Pozo Garza (Nine Poems) e Lorna Shaughnessy a Manuel Rivas (Three Poems).

Asymptote
Asymptote é un escaparate mundial de novas traducións literarias que conta con 5 millóns de seguidores. Creouse en 2011 e, catro anos despois, recibiu o Premio Internacional para a Tradución Literaria de Londres do Salón do Libro 2015. Toma o nome da liña punteada nun gráfico que unha función matemática pode tender, pero nunca alcanzar. “Do mesmo xeito, un texto traducido nunca poderá replicar completamente o efecto do orixinal; é o seu propio acto creativo” explican desde o seu sitio web.
Desde a súa creación, o portal deu conta de obras de 121 países e 103 idiomas, todos nunca antes publicados de poesía, ficción, non ficción, drama e entrevistas de escritores e tradutores. Entre os autores que publicaron nas súas páxinas hai nomes como JM Coetzee, Patrick Modiano, Herta Müller, Can Xue, Junot Díaz, Ismail Kadare, David Mitchell, Anne Carson, Haruki Murakami, Lydia Davis, Ann Goldstein e Deborah Smith.