----

O NOBELO DE ELENA COLMEIRO

O especial O fío de Penélope condúcenos do fío de Ariadna ao nobelo de Penélope. Once mulleres fan cadanseu periplo polos contidos do web do Consello da Cultura Galega a partir das mulleres homenaxeadas en xornadas organizadas dende o Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos do CCG. Como non podía ser doutro xeito, non tiran guiadiñas dun fío establecido, senón que cuestionan o nobelo de Penélope, tal e como fixo no seu día a poeta Xohana Torres nos seus recoñecidos versos: “A que tanto nobelo e tanta historia? Eu tamén navegar”. Esta é a travesía libre de Rosario Sarmiento da man de Elena Colmeiro, unha artista que, segundo a súa propia definición, non fai cerámica, senón que constrúe con materiais.




Rosario Sarmiento,  xestora cultural e comisaria de exposicións e integrante da Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega, tira do fío de Elena Colmeiro, muller homenaxeada no ciclo coa xornada Elena Colmeiro, espazos da materia, realizada en 2014. A súa navegación lévanos por referencias vitais que marcaron a obra da artista de Silleda como foron a experiencia do exilio, a súa formación en Bos Aires ou o duro traballo para se converter en artista profesional nos tempos da posguerra. É Elena Colmeiro unha pioneira, unha muller reflexiva que se fai moitas preguntas sobre o devir da súa obra, o que a converte nunha grande innovadora da linguaxe da cerámica. Neste fío descubrirás máis sobre ela, a súa busca constante do movemento e a importancia que outorgaba aos materiais.