O nobelo de Mercedes Goicoa

O especial O fío de Penélope condúcenos do fío de Ariadna ao nobelo de Penélope. Once mulleres fan cadanseu periplo polos contidos do web do Consello da Cultura Galega a partir das mulleres homenaxeadas en xornadas organizadas dende o Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos do CCG. Como non podía ser doutro xeito, non tiran guiadiñas dun fío establecido, senón que cuestionan o nobelo de Penélope, tal e como fixo no seu día a poeta Xohana Torres nos seus recoñecidos versos: “A que tanto nobelo e tanta historia? Eu tamén navegar”.



Xulia Feixoo, etnomusicóloga, historiadora da música e percusionista, adica a súa carreira profesional á investigación, compilación e divulgación das músicas de tradición oral de Galicia, é membro do Arquivo Sonoro de Galicia do CCG, e participou como relatora na xornada Mercedes Goicoa. Músicas, para vivir, realizada en 2018. A súa navegación lévanos pola vida de Mercedes Goicoa, para redescubrir a súa longuísima e rica traxectoria, facernos partícipes da súa enerxía e vitalidade, proxectada na súa dilatada experiencia e enriquecida, neste percorrido, na relación que traza coas artes visuais das novas creadoras, a fotografía de Anna Turbau, a literatura de Rosalía de Castro ou a música de Andrés Gaos. Mercedes Goicoa, figura imprescindible na historia da música galega.