O Consello da Cultura Galega lamenta a perda de Luz Pozo Garza,decana da poesía galega

Esta madrugada finou na súa casa da Coruña Luz Pozo Garza (Ribadeo, 1922-A Coruña, 2020). O Consello da Cultura Galega lamenta a súa perda e lembra a esta voz fundamental da poesía galega. A luz, o amor e a sensualidade, sempre en diálogo coa tradición poética galega e universal, destacan como constantes nunha traxectoria na que hai títulos fundamentais como “Códice Calixtino”, “Deter o día cunha flor” ou “Rosa Tántrica”. Deixa tras de si unha longa carreira poética na que recibiu a Medalla Castelao (1995), o Premio Celanova (2001), o Premio Laxeiro (2013) ou o Premio Trasalba (2019); ademais de numerosos recoñecementos civís como os de Ribadeo ou Viveiro, onde foi nomeada filla adoptiva. Luz Pozo era membro da Real Academia desde 1950, primeiro como membro correspondente e desde 1996, como membro do número.



No marco da actividade do Consello da Cultura Galega, Luz Pozo participou en diferentes encontros, nos que destaca o libro disco “Cantares para Rosalía. Nove poetas galegas dialogan cos seus versos”. Recentemente, o CCG promoveu a presenza dunha escolma poesía galega na revista Asymptote, un espazo web de referencia de literatura, no que figuraba a poeta.