NOTICIA

----

As salinas romanas abren o ciclo virtual dos Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural

Naceron para ser un lugar de encontro entre profesionais, administracións e cidadanía arredor de espazos do noso patrimonio sobre os que se estaba a desenvolver algunha actuación. Son os Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural que a Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega desenvolve periodicamente desde hai cinco anos. Entre a análise do illote de Guidoiro Areoso e as pinturas rupestres de Valborrás de Casaio realizáronse preto de trinta xornadas que analizaron as salinas romanas, a situación dos cascos históricos e outros proxectos con implicación da cidadanía. Foron moitos os espazos e os enfoques desta cita periódica e cada vez máis concorrida. Completamos todos os vídeos destas citas, algunha delas gravada fóra da sede física da institución, para ofrecer cada martes unha nova lectura sobre o territorio.

Baixo a etiqueta de “Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural” desenvolvéronse entre 2015 e 2020 preto de trinta xornadas. Nelas abordáronse desde as últimas técnicas de investigación, o patrimonio arquivístico, a regulación do urbanismo nas cidades históricas, as novas descubertas ou a musealización de elementos patrimoniais, ata o emprego de novas tecnoloxías aplicadas ao patrimonio. Os encontros naceron da man da Sección de Patrimonio e Bens Culturais, primeiro coordinada por Iago Seara e desde 2016 por Rebeca Blanco Rotea. Estas citas respondían a asuntos de interese social, por demanda e petición cidadá, pero tamén a conflitos sociais relacionados coa protección ou recuperación do patrimonio, así como iniciativas do patrimonio industrial, entre moitos outros asuntos.

As xornadas mantiveron unha tendencia crecente de público, eminentemente masculino, e permitiron a introdución de cambios no formato. O máis destacado de todos eles foi o de saír da sede institucional e desprazarse ata os propios espazos analizados. Así, estas citas desenvolvéronse en Ferrol, Ourense e Vigo, para coñecer as semellanzas e diferenzas dos programas de rehabilitación dos seus cascos históricos; en Tui e pero tamén no mar, nun percorrido en barco pola ría de Vigo para analizar as salinas romanas, entre outros moitos espazos.

En consonancia coa liña de difusión pública da institución, que ofrece todas as súas actividades en directo, as xornadas que se realizaron fóra da sede institucional foron gravadas. Agora, todos eses vídeos están dispoñibles para as e os usuarios na rede.
Agrupamos todas as propostas en oito bloques que se difundirán cada martes, coincidindo co día da semana no que realizaban presencialmente estes encontros. Comezamos co programa “In situ” para coñecer as salinas de Galicia e de Portugal. Agrupa a xornada desenvolvida na Guarda e a realizada nun barco pola costa da cidade de Vigo, que permitiu amosar unha lectura transversal sobre o papel que desempeñou o sal na economía da Antigüidade e mais unha valoración conxunta dos xacementos da costa viguesa.