O Consello da Cultura Galega celebra o centenario da revista “Nós” visibilizando os seus artífices

“Pra ledicia de todos e pra enseño de moitos, sai oxe Nós”. Así comezaba unha das iniciativas máis frutíferas da cultura galega: a revista “Nós”. Un proxecto editorial que botaron a andar Vicente Risco, Castelao, Ramón Cabanillas e Antón Losada Diéguez hai cen anos. Nacía así unha cabeceira que dignificou o idioma, que buscaba unha estética xenuinamente galega e nos puxo en pé de igualdade coa cultura europea do momento. Co gallo do centenario desta publicación, o Consello da Cultura Galega presenta a biografía das persoas vencelladas a esta histórica cabeceira. Comezamos con Ánxel Casal, Xavier Prado “Lameiro”, Ricardo Carballo Calero, Arturo Noguerol e o director de “Nós”, Vicente Risco.

As biografías que axudan a entender o proxecto da revista “Nós” comezan co seu director, Vicente Risco, peza fundamental da publicación. Xunto á súa entrada está a doutra figura esencial como é Ánxel Casal, o editor que rescatou a revista nas primeiras dificultades económicas e fundou a editorial Nós, que imprimía e distribuía a revista, ademais doutras publicacións de referencia na historia da cultura galega (“A Nosa Terra” ou as publicacións do Seminario de Estudos Galegos, entre outras). Na entrada de Carballo Calero, homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, dáse conta da súa relevancia como colaborador asiduo desta publicación.
A sede da administración e a xerencia da revista “Nós” estaba no despacho de Arturo Noguerol, no número 10 da rúa do Padre Feixóo. É unha figura fundamental e na súa entrada pódese descubrir que foi o encargado de constituír a sociedade mercantil que fixo viable o financiamento da revista así como a sociedade Grupo Nós, creada no outono de 1921 e da que foi director-xerente.
Esta primeira entrega remata con outra figura destacada, Xavier Prado “Lameiro”, que foi redactor xefe no equipo estable que coordinou a revista “Nós” desde a súa creación ata 1923.
Cada quince días iranse incorporando novas entradas para poder entender a dimensión do proxecto Nós. Neste conxunto, agrupadas baixo a etiqueta “Álbum Nós” incluiranse persoas que estiveron vinculadas co consello de redacción, co de administración ou que publicaron na revista. Iso implica que haberá xente moi coñecida pola súa obra literaria, como poden ser Ramón Otero Pedrayo ou Vicente Risco, biografados agora desde a súa perspectiva no papel da revista, canda nomes menos coñecidos pero que foron fundamentais para que un proxecto como o de Nós saíse adiante.
Álbum de Galicia
Todas as entradas das figuras da revista “Nós” intégranse no Álbum de Galicia, o proxecto biobibliográfico co que o Consello da Cultura Galega pretende dar a coñecer o legado de galegos e galegas en diferentes ámbitos. Esta iniciativa, presentada en xaneiro de 2020, é unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en diversos ámbitos da cultura galega, como a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. O obxectivo deste proxecto é visibilizar e contextualizar as mulleres e homes xa finados que contribuíron a mellorar a sociedade galega ao longo da súa historia. As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer tanto a obra das persoas divulgadas como a produción intelectual existente sobre elas. Hoxe en día conta con medio millar de entradas de figuras representativas da cultura galega xa finadas, acompañadas de 1846 fotografías e 1392 documentos.

A revista “Nós”
A iniciativa editorial de “Nós” comezou en Pontevedra. En xuño de 1920 un grupo de homes conformado por Vicente Risco, Castelao, Ramón Cabanillas e Antón Losada Diéguez acordaron a creación dunha revista monolingüe sobre a cultura galega, que se editaría na imprenta de La Región en Ourense e contaría cunha dobre dirección: Vicente Risco na literario e Castelao na artístico. Co tempo, esta iniciativa acabaría por tomar forma empresarial e Arturo Noguerol deulle a forma xurídica e buscou o financiamento para escribir unha das páxinas máis destacadas da cultura galega.

No editorial de presentación figuraba que sería un “estudio piedoso e devoto, cheo do sinceridade, de todol-os valores galegos: dos nósos valores tradicionás, e mais dos valores novos que cada día estanse creando na nósa Terra”. A revista caracterizouse pola súa pluralidade e ofreceu contidos literarios, lingüísticos, artísticos, etnográficos, filosóficos e de pensamento político.

“Nós” pasou por diferentes etapas marcadas polas dificultades económicas e os avatares políticos do momento. Os primeiros quince números saíron entre 1920 e 1923 no obradoiro de La Región. Por falta de financiamento, os seguintes tres números tiveron que se imprimir na imprenta de Joaquín Poza Cobas. Pechou así a primeira etapa da revista, que entrou nun letargo de dous anos. Ánxel Casal retomou a publicación en 1925 desde a súa editorial Lar e, posteriormente, creou a editora que se chama igual que a publicación. Mantivo a súa periodicidade ata o inicio da Guerra Civil, cando os números 139-144, que se correspondían cos meses de xullo a decembro, tiveron que ser destruídos sen que se chegaran a distribuír.