NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega inicia “Diálogos confinados”, un ciclo de conversas entre profesionais da cultura

“Diálogos confinados” é o nome do novo proxecto do Consello da Cultura Galega (CCG) para tomarlle o pulso á cultura galega ante as medidas de illamento social adoptadas para conter a pandemia provocada pola COVID-19. Cada luns, diferentes profesionais dos sectores culturais conversarán desde a súa casa moderados por unha persoa que integra algunha das seccións do CCG. Obteremos así unha radiografía real da cultura a partir das súas perspectivas e demandas. Comezamos falando de arqueoloxía con María José Bóveda e Francisco Alonso Toucido, guiados por Manuel Gago.

Esta serie de entregas audiovisuais, a modo de pílulas culturais, ten como obxectivo darlle voz á cultura galega nesta situación de parálise. Diferentes voces dos múltiples ámbitos que abrangue o complexo sector cultural achegarannos as súas percepcións sobre a realidade que están a vivir mediante breves diálogos moderados por persoas vinculadas ao Consello da Cultura Galega. Coñeceremos tamén as súas expectativas de futuro a curto e medio prazo e mais que medidas cren necesario adoptar para paliar os estragos que a parálise está a causar no mundo da cultura. O obxectivo é tecermos unha radiografía polifónica da cultura confinada desde Galicia, coas súas perspectivas e demandas para un futuro inmediato.

Primeiro diálogo
O primeiro diálogo chamábase “Arqueoloxía de xestión” e servíu para analizar o traballo realizado durante este tempo de parón nas escavacións e que se traduciu en traballo de gabinete, contacto con clientes e divulgación do traballo científico. Constatan que o seu traballo vai sufrir as consecuencias das novas medidas implementadas de distanciamento social tanto nas prospeccións como na divulgación xa que a fenda dixital dificulta o contacto con novos públicos. En canto ao futuro, coidan que a situación de partida xa é de por si mala porque a arqueoloxía de xestión é un sector pouco capitalizado, pero consideran que hai vías interesantes para explorar como é o das visitas patrimoniais reducidas, máis alá da explotación turística de grandes xacementos.

O director de Culturagalega.gal, Manuel Gago dialoga con Francisco Alonso Toucido (arqueólogo investigador predoutoral en Patrimonio Cultural pola USC, membro do grupo de investigación Síncrisis e xerente da empresa patrimonial Estela Arqueoloxía e Patrimonio SL. Realizou múltiples proxectos de arqueoloxía comercial vinculados a obras públicas e privadas, así como proxectos de posta en valor, documentación e investigación de xacementos arqueolóxicos) e con Mª José Bóveda Fernández (arqueóloga profesional, xerente da empresa Gabinete de Arqueoloxía dende o ano 2003. Entre as numerosas direccións de proxectos arqueolóxicos poden destacarse as escavacións de xacementos como o túmulo 1 de Chousa Nova, en Silleda, ou o Castelo da Rocha Forte en Santiago de Compostela).


O CCG e a COVID-19
Desde o inicio do estado de alarma, o Consello da Cultura Galega mantivo, en consonancia co seu mandato fundacional, unha posición activa en diferentes frontes. En primeiro lugar, na posta á disposición da cidadanía de contidos culturais galegos e en galego a través da dúas plataformas webs (consellodacultura.gal para ofrecer información xerada pola institución e culturagalega.gal para dar conta da actualidade cultural). En segundo lugar, nunha posición de análise a través do Observatorio da Cultura Galega, que prepara informes de tipo cualitativo e cuantitativo para obter un diagnóstico da situación actual. Ademais, o CCG manifestou o seu compromiso de adiar e reprogramar toda a súa actividade cultural ata que a situación permita a realización de actividade presencial.