Así, no ano 2000, hai agora vinte anos, o Consello da Cultura Galega celebrababa a aparición do xornalismo en Galicia coa reprodución facsimilar do seu primeiro fito: El Catón Compostelano, publicado na sobranceira imprenta compostelá da viúva de Frayz no primeiro de maio de 1800 por Valle-Ynclán. Esta cabeceira supuxo un fito na Galicia do seu tempo. A través do estudo das súas páxinas pódese descubrir que serviu para fomentar a reflexión e o debate. Non deixa de ser atractivo, tamén, coñecer o punto de vista de Valle-Ynclán sobre temas como as linguas, a súa relación co poder, a posición da muller ou sobre a diferenza masculinidade/femineidade.
A través de El Catón Compostelano, Galicia decidiuse a empregar un soporte novo de comunicación, que xa coñecía polas publicacións periódicas estranxeiras que entraban a través do porto da Coruña. No ano 2008, e co gallo tamén do seu bicentenario, localizábanse e editábanse os exemplares do Diario de Santiago, Diario de la Coruña, Telégrafo Político y Literario de la Coruña, Apéndice al Primitivo Diario de Santiago e Gazeta de la Coruña (nacidos a mediados de 1808 e cesados coa chegada dos franceses a Galicia en xaneiro de 1809). Polo seu interese, incluíuse a chamada Gazeta francesa –en realidade continuación da Gazeta de la Coruña, baixo o mesmo título pero con espírito afrancesado–, vixente entre xaneiro e xuño de 1809 e con periodicidade bisemanal. Esta edición facsimilar realizada polo CCG abrangue, pois, un ano de apaixonante historia xornalística dende a data de nacemento dos diarios ata a expulsión dos franceses de Galicia. Podes consultar aquí estes papés públicos e coñecer algo máis da interesante historia do nacemento dos medios galegos.
Número de El Catón Compostelano (Discurso XII) non incluído na edición facsímil
Extraído do exemplar conservado na Biblioteca do Seminario Maior do “Divino Maestro” de Ourense