A situación do sector da ilustración, segunda entrega do ciclo de conversas “Diálogos confinados”

A segunda entrega do ciclo “Diálogos confinados” pon os ollos no sector da ilustración. Dunha banda está Bea Lema, debuxante de cómics, ilustradora e presidenta da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI). Da outra está a tamén deseñadora e ilustradora, Abi Castillo. Guiadas por Xermán Hermida, xornalista e redactor en Culturagalega.gal, fan un percorrido pola situación actual da ilustración que suma cancelacións e adiamentos a un sector que xa vivía nunha situación precaria.

A situación de partida do sector da ilustración xa non era moi positiva. Arrastraba unha gran precariedade laboral que agora suma cancelacións e aprazamentos de encargas. Bea Lema pon sobre a mesa os datos dunha enquisa realizada pola FADIP (Federación de Asociacións de Ilustradores Profesionais) en que as socias indican unha capacidade de supervivencia económica de tres meses nestas circunstancias de parón e que a maioría non pode acollerse ás axudas estatais para autónomos polas intermitencias nas altas. O demandado estatuto do artista, o perigo dos contidos gratuítos, a baixada de prezos e a necesidade de reiventarse para poder sobrevivir foron algúns dos outros temas abordados nesta conversa.

As participantes
O xornalista e redactor en Culturagalega.gal, Xermán Hermida, é o encargado de mediar o diálogo entre Abi Castillo e Bea Lema.

Abi Castillo é graduada en Belas Artes pola Universidade de Vigo e formación en cerámica artística pola EMAO (Escola de Artes e Oficios de Vigo) . Ilustradora dos libros Pioneiras 2, Tres bichicomas, dúas illas e unha serea e Fina a Pirata, realizou varios murais, exposicións e intervencións artísticas, ademais de numerosos traballos de deseño, entre eles a colaboración co grupo INDITEX para o proxecto WOMEN IN ART para ZARA 2019.

Bea Lema é debuxante de cómics e ilustradora. Actualmente é a presidenta da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI). Formada como deseñadora de produto pola Universidade da Coruña, comeza a súa traxectoria profesional en 2010 traballando para a firma de cerámica Sargadelos. Desde 2013 desenvolve o seu traballo de forma independente, realizando proxectos para o Certame Coreográfico de Madrid, O Salto Galiza, Fuera de Margen, Unitaria, Nave 1839, Bibliotecas Municipais da Coruña ou a Xunta de Galicia. En 2017 recibe o XII premio Banda Deseñada Castelao da Deputación da Coruña con O Corpo de Cristo.

O proxecto
Esta serie de entregas audiovisuais, a modo de pílulas culturais, ten como obxectivo darlle voz á cultura galega nesta situación de parálise. Diferentes voces dos múltiples ámbitos que abrangue o complexo sector cultural achegarannos as súas percepcións sobre a realidade que están a vivir mediante breves diálogos moderados por persoas vinculadas ao Consello da Cultura Galega. Coñeceremos tamén as súas expectativas de futuro a curto e medio prazo e mais que medidas cren necesario adoptar para paliar os estragos que a parálise está a causar no mundo da cultura. O obxectivo é tecermos unha radiografía polifónica da cultura confinada desde Galicia, coas súas perspectivas e demandas para un futuro inmediato.

O CCG e a COVID-19
Desde o inicio do estado de alarma, o Consello da Cultura Galega mantivo, en consonancia co seu mandato fundacional, unha posición activa en diferentes frontes. En primeiro lugar, na posta á disposición da cidadanía de contidos culturais galegos e en galego a través da dúas plataformas webs (consellodacultura.gal para ofrecer información xerada pola institución e culturagalega.gal para dar conta da actualidade cultural). En segundo lugar, nunha posición de análise a través do Observatorio da Cultura Galega, que prepara informes de tipo cualitativo e cuantitativo para obter un diagnóstico da situación actual. Ademais, o CCG manifestou o seu compromiso de adiar e reprogramar toda a súa actividade cultural ata que a situación permita a realización de actividade presencial.

Outras noticias que te poden interesar: