Un novo ciclo participativo abordará a cultura nos concellos

“Xestión e políticas culturais nos concellos. Retos ante a Covid-19” é o nome dun ciclo co que o Consello da Cultura Galega pretende analizar a cultura municipal. O ciclo contará con tres sesións telemáticas nas que se debaterá sobre os retos, perspectivas, estratexias e ferramentas das políticas culturais dos concellos en Galicia. O formato é unha mesa redonda virtual e nos días previos á realización de cada iniciativa habilitarase unha conta de correo electrónico á que a cidadanía pode remitir as súas preguntas e suxestións. A primeira cita será o vindeiro 14 de maio e abordará o estado inicial da política municipal. O período de recepción de comentarios xa está aberto.

Co título de “Onde estamos? Cara a onde camiñar” comeza a primeira das sesións. Terá lugar o día 14 de maio e nela participan Pilar Portela, presidenta da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) e directora-xerenta do Pazo da Cultura de Pontevedra; Alberto García, membro da Comisión de Cultura e técnico en Boiro; máis Juan Antonio Seara, técnico de Cultura en Allariz. A presidenta da institución, Rosario Álvarez, fará unha presentación institucional deste ciclo que abrirá espazos públicos de reflexión neste ámbito, onde compartir os retos, ferramentas e posibles estratexias que activar a curto, medio e longo prazo.

O obxectivo desta primeira cita é facer unha diagnose inicial e unha primeira aproximación aos retos e inquedanzas na xestión cultural municipal. Contaremos con cinco profesionais que traballan en contextos territoriais diferentes como mostra representativa das diversas realidades e enfoques de traballo que existen en Galicia. Todos os que queiran participar poden enviar as súas suxestións e preguntas a través do correo electrónico difusion@consellodacultura.gal antes do 11 de maio ás 14:00 horas.

O ciclo
Este novo formato conta con tres mesas redondas. Alén desta primeira, haberá dúas máis: unha o día 21 de maio, será o momento das Reflexións inspiradoras da man de dous especialistas doutros territorios, sempre dende perspectivas próximas e trasladables á realidade galega. A última terá lugar o día 28 de maio e nela abordaranse unha serie de Estratexias e ferramentas de actuación.

A importancia da cultura nos concellos
O gasto liquidado en cultura polos concellos triplica o das comunidades autónomas e supón seis veces máis que o estatal. En Galicia, segundo datos achegados polo Observatorio da Cultura Galega, no ano 2017 este tipo de gasto ascendeu a 138,1 millóns de euros. Nese mesmo período, a Xunta de Galicia gastaba 75,2 millóns e as deputacións 35,4 millóns. Ademais, unha parte importante dese gasto autonómico e provincial distribúese entre as propias programacións, o persoal e iniciativas culturais municipais. Polo que, en último termo, son os pequenos equipos das entidades locais, e mesmo os profesionais en solitario, os que deseñan e executan as principais liñas de traballo cultural no país.

Outras noticias que te poden interesar: