Incorporamos "O libro do Portovello" a Gallaeciae Monumenta Historica

O Portovello era un dos lugares polos que se podía cruzar o río Miño na Ourense medieval. Pero tamén un porto fluvial no que os barqueiros trasladaban persoas, animais e mercadorías tanto á cidade de Ourense como á de Santiago. Tiña unha importancia estratéxica que chegou a ser decisiva cando un dos arcos da Ponte de Ourense colapsou e deu lugar a unha disputa entre o bispo e o cabido polo seu control. A documentación do preito entre ambas as autoridades conforma o “Libro do Portovello", publicación que incluímos no repositorio Gallaeciae Monumenta Historica (GMH), no que se pon á disposición da cidadanía textos medievais. Facémolo hoxe, 8 de maio, a coincidir co día en que se celebraría a romaría na ermida que garda a Virxe de Portovello, único vestixio que queda daquel tempo.

Especial "Libro do Portovello"

Os textos medievais agochan as ansgueiras da vida cotiá, as preocupacións sociais e as vicisitudes históricas dos nosos devanceiros pero tamén o día a día da evolución da lingua. Todo isto está presente no “Libro do Portovello", que recolle o preito que lle outorgou ao cabido, en febreiro de 1431, o dereito a unha barca de pasaxe de xentes e mercadorías xunto coa correspondente peaxe. Está redactado maioritariamente en galego e recolle trinta documentos datados entre 1394 e 1431, que se agrupan en tres bloques. O primeiro inclúe o nomeamento dos homes bos que actúan como xuíces árbitros do preito e a presentación de procurador, testemuñas e documentación das partes; o segundo está centrado na probanza coa declaración das testemuñas do bispo, e o terceiro recolle a sentenza a favor do cabido, o acatamento do procurador do bispo e a toma de posesión da barca realizada polos representantes capitulares.

Esta publicación pon de manifesto a importancia do río Miño como elemento vertebrador na cidade de Ourense e tamén do porto e a barca que o serve como unha infraestrutura básica para o transporte e comercio do viño cara a Santiago; unha actividade gravada con rendas tan relevantes como para provocar o preito entre o cabido catedralicio e o bispo da cidade que recolle o Libro. O documento orixinal gárdase no Arquivo Catedralicio de Ourense (ACO). A dixitalización deste exemplar responde ao proxecto impulsado polo seu arquiveiro, Miguel Ángel González García, e tamén ao labor de sucesivas xeracións de especialistas que van editando con rigor científico as nosas fontes. Entre eles Francisco Javier Pérez Rodríguez, do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, e Mª Beatriz Vaquero Díaz, da Universidade de Vigo. Ambos son membros da Comisión Técnica de GMH, do Consello da Cultura Galega.

A publicación en GMH
O Libro do Portovello forma parte da colección Gallaeciae Monumenta Historica, coa que o Consello da Cultura Galega edita textos documentais medievais. É herdeira da vella serie de Fontes documentais para a historia de Galicia, editada en papel, coa que a institución foi poñendo á disposición do persoal investigador un rico acervo de textos medievais galegos, distribuídos por todo o arco temporal e procedentes de toda a xeografía de Galicia. A proposta naceu para dar cumprimento a un dos mandatos fundacionais do Consello de Cultura Galega: facer accesibles á cidadanía de Galicia os produtos máis valiosos da cultura propia e universal.
A colección é homónima do proxecto Gallaeciae Monumenta Historica (http://gmh.consellodacultura.gal/), un recurso colaborativo que adapta estes volumes ás posibilidades da rede, proporcionando novas posibilidades de busca nos textos e obter así información sobre persoas, lugares e unha relación de materias. Ofrécese en aberto e achega, ademais, un conxunto crecente de textos complementarios sobre a sociedade e escrita medieval ou de teor metodolóxico.