NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega visibiliza en clave actual o legado da xeración Nós

Non é posible comprender Galicia e a súa cultura sen a xeración Nós e o rico legado que deixou. Para conmemorar o centenario do nacemento da revista “Nós” en Ourense en 1920, o Consello da Cultura Galega recolle neste especial contidos producidos pola institución que dan conta da vida, obra e impacto dun grupo de intelectuais que entenderon Galicia como un proxecto integral. Son materiais biográficos, documentais e de reflexión ao redor da revista “Nós” e da xeración que a ideou. O especial contén unha pequena xoia, chámase “Os quixotes da Terra van de camiño” e ofrece sete viaxes por Galicia a partir dos roteiros que Ramón Otero Pedrayo deseñou para o seu amigo Silvio Santiago na segunda metade dos anos 60. Ademais dos manuscritos orixinais debuxados por Otero Pedrayo, pódese seguir cada un deses trazados a través dunha viaxe multimedia xeolocalizada e enriquecida con materiais contemporáneos.

Nós: de onte a hoxe

“Nós: de onte a hoxe” é o título deste proxecto que pretende non só dar a coñecer as figuras desta xeración, senón tamén conectar todo ese legado co presente. Faino a través da revisión de materiais documentais e gráficos, así como da difusión das biografías desas personalidades, e tamén con mostras de como a pegada do pensamento desta xeración está moi presente na nosa cultura. O especial está en constante actualización e irá incorporando novos contidos quincenalmente.

Os quixotes da Terra van de camiño
O especial contén unha xoia da cultura do país: os roteiros manuscritos que Ramón Otero Pedrayo deseñou na década dos sesenta para o seu amigo Silvio Santiago, unha das personalidades da colectividade galega en Venezuela. A través destes itinerarios Pedrayo preséntalle o país a este emigrante en clave xeográfica pero tamén identitaria e cultural.

Este apartado permite consultar o manuscrito, ler a súa transcrición e realizar unha viaxe multimedia seguindo os pasos de Otero Pedrayo. A través da plataforma Arcgis, que facilita construír narrativas a partir da xeolocalización, ofrécese un itinerario segundo o concibiu Otero Pedrayo e nel se incorporan materiais recentes elaborados por outras entidades e colectivos que evidencian que a concepción de cultura, de paisaxe e de territorio recollida pola sociedade galega contemporánea nace na xeración Nós.

O historiador Afonso Vázquez-Monxardín é o editor literario dos textos deste apartado do especial e o equipo do Consello da Cultura Galega encárgase da adaptación ao formato multimedia.

Cada sábado haberá unha nova proposta a partir destes manuscritos que Otero Pedrayo debuxou e planificou para o seu amigo Silvio Santiago. O primeiro itinerario leva o nome de “O día de Pastor Díaz”. Comeza en Santiago de Compostela, no sepulcro de Rosalía, onde propón cantar o himno galego, e remata en Viveiro cun paseo pola praia dos Castelos. En total suman 228 quilómetros, nos que se homenaxea a Fermín Penzol, Noriega Varela e Leiras; a Cunqueiro e Lence Guitián en Mondoñedo; a Ramón Cabanillas en Ferreira de Valadouro e convida a unha visita, entre outros espazos, ao convento de Valdeflores de Viveiro. Recitados de poemas, xantares e visitas completan este primeiro itinerario.

Album Nós
En abril deste ano o Consello da Cultura Galega iniciou o Álbum Nós, un proxecto integrado no Álbum de Galicia que xunta persoas que estiveron vinculadas co consello de redacción, co de administración ou que publicaron na revista. O proxecto comezou co director da revista “Nós”, Vicente Risco xunto con outras figuras destacadas como Ánxel Casal ou Arturo Noguerol, biografados agora desde a súa perspectiva no papel da revista, canda nomes menos coñecidos pero que foron fundamentais para que un proxecto como o de “Nós” saíse adiante. Coa presentación deste especial publícase tamén un segundo lote de biografías que afonda nas figuras de Álvaro de las Casas, Antón Villar Ponte, Cándido Fernández Mazas, Florentino López Cuevillas e Ramón Otero Pedrayo.

Materiais documentais
Da man do traballo do Arquivo Sonoro de Galicia pódense escoitar as voces e o pensamento nalgunhas conferencias ou homenaxes realizadas por membros da xeración Nós. Entre elas destaca unha conferencia pronunciada por Ramón Otero Pedrayo na Facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Bos Aires, o 26 de xullo de 1959. Nesta conferencia, o intelectual ourensán reflexiona sobre as relacións entre Galicia e a cultura europea. Nese apartado tamén se poden escoitar as voces de Xaquín Lorenzo, “Xocas”, e de Ramón Cabanillas. Ademais, facilita o acceso a edicións facsimilares e outras publicacións que poñen á disposición do público algúns dos traballos destacados desta xeración. Por último, a través deste especial haberá itinerarios do noso “Proxecto Roteiros” que percorren Galicia a través das biografías e da obra dalgunhas das figuras deste movemento irrepetible.