A terceira entrega do ciclo de conversas “Diálogos confinados” analiza as fundacións de ámbito rural e literario

Na terceira parada do ciclo “Diálogos Confinados”, o xornalista Santi Montes entrevistou a Uxío Novneyra, da Fundación Novoneyra e a Xosé María Varela, da Fundación Pondal. Entre as conclusións da conversa destacaron que é o gran momento de reiventarse e do pequeno. Para eles, a clave pode estar na universidade rural, no turismo de proximidade e no labor educativo doutro tipo de público como é o de terceira idade.

Neste encontro abordáronse interesantes cuestións relativas á cultural local e ás perspectivas de futuro dunhas fundacións de legado literario con gran traballo de base territorial no rural. O traballo de dinamización cultural da Fundación Eduardo Pondal na Aldea do Couto en Ponteceso e da Fundación Uxío Novoneyra en Parada do Courel foron postos de relevo, así e como a dimensión cultural, turística e educativa dunhas fundacións que moven público da contorna e tamén alleo coa celebración do seus festivais por excelencia, o Festiletras e o Festival dos Eidos.

Os participantes
O xornalista de culturagalega.gal, Santi Montes, foi o encargado de guiar esta conversa que contou coa participación de Uxío Novoneyra e Xosé María Varela.

Uxío Novoneyra é licenciado e DEA en CC. Políticas e da Administración pola USC, Master en UE e Xestión de fondos comunitarios pola UDC. Consultor de financiamento e internacionalización para o desenvolvemento territorial e o sector cultural, é secretario fundador en 2010 da fundación Uxío Novoneyra e coordinador das súas actividades. Nestes 10 anos de vida, ademais de convertir a casa natal en casa-museo e centro cultural con máis de 5.000 visitantes ao ano e ao seu perímetro, coa consecución da declaración do Souto da Rubial como "Árbores senlleiras" e a rehabilitación da casa-escola de María Mariño.

Xosé María Varela é docente na rama de Ciencias Sociais e Lingua Galega e participante en movementos de renovación pedagóxica na comarca bergantiñá, é xerente da Fundación Eduardo Pondal desde a súa creación (2008). As diferentes organizacións que coordina gañaron os premios "Bergantiñán do ano" (Monte Branco, Fundación Eduardo Pondal e Aldea do Couto). A Fundación Eduardo Pondal recibiu Premio Costa da Morte, Premio da Cultura Galega , premio Agader e Premio Rosalía de Castro.

O proxecto
Esta serie de entregas audiovisuais, a modo de pílulas culturais, ten como obxectivo darlle voz á cultura galega nesta situación de parálise. Diferentes voces dos múltiples ámbitos que abrangue o complexo sector cultural achegarannos as súas percepcións sobre a realidade que están a vivir mediante breves diálogos moderados por persoas vinculadas ao Consello da Cultura Galega. Coñeceremos tamén as súas expectativas de futuro a curto e medio prazo e mais que medidas cren necesario adoptar para paliar os estragos que a parálise está a causar no mundo da cultura. O obxectivo é tecermos unha radiografía polifónica da cultura confinada desde Galicia, coas súas perspectivas e demandas para un futuro inmediato.

O CCG e a COVID-19
Desde o inicio do estado de alarma, o Consello da Cultura Galega mantivo, en consonancia co seu mandato fundacional, unha posición activa en diferentes frontes. En primeiro lugar, na posta á disposición da cidadanía de contidos culturais galegos e en galego a través da dúas plataformas webs (consellodacultura.gal para ofrecer información xerada pola institución e culturagalega.gal para dar conta da actualidade cultural). En segundo lugar, nunha posición de análise a través do Observatorio da Cultura Galega, que prepara informes de tipo cualitativo e cuantitativo para obter un diagnóstico da situación actual. Ademais, o CCG manifestou o seu compromiso de adiar e reprogramar toda a súa actividade cultural ata que a situación permita a realización de actividade presencial

Outras noticias que te poden interesar: