Temáticas transversais sobre o patrimonio centran a cuarta entrega do ciclo Encontros 3.05

Os martes son os días nos que o Consello da Cultura Galega (CCG) organiza os Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural (EMPC), lugares de encontro entre profesionais, administracións e cidadanía arredor de espazos do noso patrimonio sobre os que se estaba a desenvolver algunha actuación. Coa cancelación da actividade presencial para conter a pandemia da COVID-19, reservamos ese día no calendario para manter a temática e seguir falando de patrimonio. Facémolo da man do ciclo virtual “Encontros 30.5” nos que recuperamos os vídeos e materiais do que se dixo nos EMPC. Nesta cuarta sesión repasamos aquelas citas que tiñan semellanzas ben por criteiros temáticos, ben porque son xacementos analizados en tempos ou por equipos distintos.

Accede a Econtros 30.5


A cuarta entrega dos Encontros 30.5 agrupa as citas en que se analizaron temáticas transversais ou proxectos que tiñan obxectivos comúns ou desenvolvidos sobre un mesmo xacemento en tempos e por equipos distintos. O obxectivo destes encontros era tanto divulgar os resultados entre o público como promover a reflexión sobre o abandono de certos temas de investigación en Galicia. A situación problemática dalgúns espazos patrimoniais estivo tamén presente en moitos dos debates suscitados ao redor destes encontros. O estado actual das vías romanas en Galicia e a necesidade dunha maior protección; o Guidoiro areoso; a ourivería dos castros (con particular atenci&oaacute;n ás sorpresas do tesouro de Recouso); a arte esquemática pintada no Noroeste Peninsular e as intervencións nos xacementos romanos da Factoría de salga na rúa Marques de Valladares no xacemento romano Pontevedra-Areal (Vigo) e do Templo romano no Círculo das Artes da Cidade de Lugo ofrécennos a oportunidade de miralos dende outra perspectiva á luz dos novos achados e das dificultades que presentan para a súa conservación.

Os EMPC
Baixo a etiqueta de “Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural” desenvolvéronse entre 2015 e 2020 preto de trinta xornadas. Nelas abordáronse desde as últimas técnicas de investigación, o patrimonio arquivístico, a regulación do urbanismo nas cidades históricas, as novas descubertas ou a musealización de elementos patrimoniais, ata o emprego de novas tecnoloxías aplicadas ao patrimonio. Os encontros naceron da man da Sección de Patrimonio e Bens Culturais, primeiro coordinada por Iago Seara e desde 2016 por Rebeca Blanco Rotea. Estas citas respondían a asuntos de interese social, por demanda e petición cidadá, pero tamén a conflitos sociais relacionados coa protección ou recuperación do patrimonio, así como iniciativas do patrimonio industrial, entre moitos outros asuntos.

As xornadas mantiveron unha tendencia crecente de público, eminentemente masculino, e permitiron a introdución de cambios no formato. O máis destacado de todos eles foi o de saír da sede institucional e desprazarse ata os propios espazos analizados. Así, estas citas desenvolvéronse en Ferrol, Ourense e Vigo, para coñecer as semellanzas e diferenzas dos programas de rehabilitación dos seus cascos históricos; en Tui e pero tamén no mar, nun percorrido en barco pola ría de Vigo para analizar as salinas romanas, entre outros moitos espazos.

En consonancia coa liña de difusión pública da institución, que ofrece todas as súas actividades en directo, as xornadas que se realizaron fóra da sede institucional foron gravadas. Agora, todos eses vídeos están dispoñibles para as e os usuarios na rede.

Agrupamos todas as propostas en oito bloques que se difundirán cada martes, coincidindo co día da semana no que realizaban presencialmente estes encontros. Comezamos co programa “In situ” para coñecer as salinas de Galicia e de Portugal. Agrupa a xornada desenvolvida na Guarda e a realizada nun barco pola costa da cidade de Vigo, que permitiu amosar unha lectura transversal sobre o papel que desempeñou o sal na economía da Antigüidade e mais unha valoración conxunta dos xacementos da costa viguesa.