Daniel Raventós (Universidade de Barcelona) falou da igualdade como condición da liberdade, de cómo garantir a existencia material de toda a poboación. “Non hai individuos libres se non está garantida a súa existencia material e non pode entenderse a liberdade da cidadanía afectada por diferenzas económicas insalvables”, dixo.
Raventós defendeu a “renta básica” como opción de política económica, como ingreso monetario incondicional para toda a poboación, minimo vital garantido nunha equitativa redistribución da renda.
Ignacio Sotelo (Freie Universitat Berlin) centrouse nas defnicións de liberdade de Hobbes a Rousseau, pasando por Locke. Detívose especialmente no autor do “Contrato social” para salientar a recíproca relación entre liberdade e igualdade e a conclusión roussoniana de que a civilización “supón un contínuo alonxamento da comunidade homes libres e iguais”.
Giacomo Marramao (Università degli Studi Roma Tre) reivindicou no seu relatorio a política como actividade, o político como dimensión institucional e o universalismo da diferenza. Lembrou que un dos riscos da política contemporánea “é a indiferenza entre as xeracións” e dixo que sen esa relación, sen o imprescindible conflicto dialéctico, sen memoria, non hai política. Reivindicou tamén o “saber común” e a dimensión europea como alternativa nun mundo “co epicentro do poder desplazado desde os estados democráticos aos núcleos financeiros”.
Nas xornadas, celebradas os días 17 e 18 de novembro, organizadas pola Sección de Pensamento e Sociedade, do Consello da Cultura Galega e coordinadas por María Xosé Agra e Jorge Álvarez Yágüez, participaron profesores das universidades de Santiago de Compostela, do Minho, Barcelona, Berlín e Roma.