NOTICIA

----

Manter a programación e explorar novos modelos son os retos dos concellos ante a “nova normalidade” cultural

Reprogramación, adiamento, adaptación, cambio, oportunidade... son algunhas das ideas formuladas polos participantes da mesa redonda “Onde estamos? Cara a onde camiñar?” que hoxe abre o ciclo “Xestión e políticas culturais nos concellos. Retos ante a Covid-19”. Esta proposta do Consello da Cultura Galega (CCG) pretende analizar a xestión municipal que supón o 56% do gasto público en cultura. A presidenta da institución, Rosario Álvarez, destacou na presentación deste ciclo que o CCG permanece atento á situación real do sector a través de diferentes formatos. “Non hai receitas máxicas pero si a vontade de non desistir e as solucións só se poden conseguir en diálogo e escoitando” puntualizou. Ademais, indicou que este novo ciclo pon o foco na cultura municipal, “máis próxima á cultura de base, que é o fermento cultural do país”. Xa está dispoñible o vídeo das intervencións e tamén está aberto o prazo de recepción de preguntas para a seguinte cita, que será o 21 de maio.

A primeira sesión do ciclo puxo sobre a mesa a realidade municipal perante a Covid-19 a través de tres concellos moi diferentes: Boiro, Allariz e Pontevedra. O xestor cultural Marcos Lorenzo trazou o contexto xeral que quedou tras a declaración do estado de alarma, que obrigou a cancelar, reprogramar, adiar e repensar as políticas municipais. Lorenzo lembrou que os concellos galegos invisten o dobre en cultura que a Xunta e, hoxe en día, amosan unha grande indefinición e incerteza sobre o futuro máis próximo. Na descrición da realidade apuntou algunhas medidas concretas que xa se adoptaron (ERTE, axudas a traballadores autónomos que tiveron que paralizar a súa actividade, reorganización de partidas para financiar formación dixital e adaptación de festivais para a rede...) pero indicou que as principais constantes son a incerteza e a falta de recomendacións e indicacións.
Pilar Portela, presidenta da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) e directora-xerenta do Pazo da Cultura de Pontevedra, explicou como se reformulou o “Salón do libro infantil” desta edición. “Estaba listo para se celebrar cunhas 300 actividades previstas e conseguimos manter e adaptar para a rede preto dun centenar” explicou. Ademais, avanzou que se está a traballar na reorganización de toda a actividade para buscar unha solución na “nova normalidade” que pase por manter a oferta e adaptala ao novo contexto. O caso de Allariz estivo da man de Juan Antonio Seara, técnico de cultura municipal, que explicou a cancelación da actividade da Escola de Música, que afectaba a uns 180 nenos e nenas deste concello. En Allariz mantiveron algúns formatos con premios para investir no comercio local. E esa liña de proximidade é pola que tamén optaron en Boiro, onde o seu técnico cultural, Alberto García, apuntou que “non se cancelou nada e tentou trasladarse e adaptarse á rede todas as actividades”. García foi máis alá e considerou que a situación serviu para “aprender dos colectivos amateurs a reinventarse”, pero tamén para repensar os criterios da xestión municipal pública. “Esta situación deixa tamén unha posibilidade de cambio, xa que outra das conclusións boas é que nos libera da ditadura dos aforos” apuntou. Na súa opinión había unha certa presión polo número das actividades, que debe deixar paso a unha reflexión sobre cal debe ser a función da actividade cultural pública.
A cultura de proximidade, potenciar a cultura de base, vincular a actividade cultural ao desenvolvemento socioeconómico, potenciar a creación de novos públicos foron outras das ideas apuntadas no marco desta primeira sesión.

A segunda sesión do ciclo
A segunda das citas deste ciclo terá lugar o día 21 de maio e ten como título “Reflexións inspiradoras”. Nela búscanse varias olladas desde outros territorios, perspectivas próximas e trasladables á realidade galega. Participarán Marián Fernández, xestora cultural, Javier Brun, xestor cultural, xefe de servizo de Cultura do concello de Huesca, e Pau Rausell, da Universitat de València, director da Área de Investigación en Economía da Cultura e Turismo – Econcult. Haberá un prazo de recepción de preguntas e suxestións previas para enriquecer o debate, a través do correo electrónico difusion@consellodacultura.gal antes do 19 de maio ás 14 horas.

A última cita terá lugar o día 28 de maio e nela abordaranse unha serie de Estratexias e ferramentas de actuación neste contexto.

A importancia da cultura nos concellos
O gasto liquidado en cultura polos concellos triplica o das comunidades autónomas e supón seis veces máis que o estatal. En Galicia, segundo datos achegados polo Observatorio da Cultura Galega, no ano 2017 este tipo de gasto ascendeu a 138,1 millóns de euros. Nese mesmo período, a Xunta de Galicia gastou 75,2 millóns e as deputacións 35,4 millóns. Ademais, unha parte importante dese gasto autonómico e provincial distribúese entre as propias programacións, o persoal e iniciativas culturais municipais. Polo que, en último termo, son os pequenos equipos das entidades locais, e mesmo os profesionais en solitario, os que deseñan e executan as principais liñas de traballo cultural no país.

Pilar Portela, presidenta da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) e directora-xerenta do Pazo da Cultura de Pontevedra explicou como se reformulou o “Salón do libro infantil” desta edición. “Estaba listo para se celebrar cunhas 300 actividades previstas e conseguimos manter e adaptar para a rede preto dun centenar” explicou. Ademais, avanzou que se está a traballar na reorganización de toda a actividade para buscar unha solución na “nova normalidade” que pase por manter a oferta e adaptala ao novos contexto. O caso de Allariz estivo da man de Juan Antonio Seara, técnico de cultura muncipal, que explicou a cancelación da actividade da Escola de Música, que afectaba a uns 180 nenos e nenas deste concello. En Allariz mantiveron algúns formatos con premios para investir no comercio local. E esa liña de proximidade é pola que tamén optaron en Boiro, onde o seu técnico cultural, Alberto García, apuntou que “non se cancelou nada e tentou trasladarse e adaptarse á rede todas as actividades”. García foi máis alá e considerou que a situación serviu para “aprender dos colectivos amateurs a reinventarse”, pero tamén para reprensar os criterios da xestión municipal pública. “Esta situación deixa tamén unha posibilidade de cambio, xa que outra das conclusións boas é que nos libera da ditadura dos aforos” apuntou. Na súa opinión había unha certa presión polos números das actividades, que debe deixar paso a unha reflexión sobre cal debe ser a función da actividade cultural pública.

A cultura de proximidade, potenciar a cultura de base, vincular a actividade cultural ao desenvolvemento socioeconómico, potenciar a creación de novos públicos foron outras das ideas apuntadas no marco desta primeira sesión.

A segunda sesión do ciclo
A segunda das citas deste ciclo terá lugar o día 21 de maio e leva por titulo “Reflexións inspiradoras” . Nela búscanse varias olladas desde outros territorios, perspectivas próximas e trasladables á realidade galega. Nela participarán Marián Fernández, xestora cultural e membro da Comisión, Javier Brun, xestor cultural, xefe de Servizo de Cultura do Concello de Huesca e Pau Rausell, Universitat de València, director da Área de Investigación en Economía da Cultura e Turismo – Econcult. Haberá un prazo de recepción de preguntas e suxestións previas para enriquecer o debate, a través do correo electrónico difusion@consellodacultura.gal antes do 19 de maio ás 14 horas.
A última cita terá lugar o día 28 de maio e nela abordaranse unha serie de Estratexias e ferramentas de actuación neste contexto.

A importancia da cultura nos concellos
O gasto liquidado en cultura polos concellos triplica o das comunidades autónomas e supón seis veces máis que o estatal. En Galicia, segundo datos achegados polo Observatorio da Cultura Galega, no ano 2017 este tipo de gasto ascendeu a 138,1 millóns de euros. Nese mesmo período, a Xunta de Galicia gastaba 75,2 millóns e as deputacións 35,4 millóns. Ademais, unha parte importante dese gasto autonómico e provincial distribúese entre as propias programacións, o persoal e iniciativas culturais municipais. Polo que, en último termo, son os pequenos equipos das entidades locais, e mesmo os profesionais en solitario, os que deseñan e executan as principais liñas de traballo cultural no país.