O Consello da Cultura Galega celebra o Día das Letras cunha variedade de actividades que amosan a un Carballo Calero polifacétio

“Farsa das zocas” é unha pequena peza teatral de Ricardo Carballo Calero (1910-1990) que conta un drama familiar con interese económico como pano de fondo. Este é o texto escollido polo Consello da Cultura Galega (CCG) para a publicación coa que cada ano celebra o Día das Letras Galegas. A edición facsimilar preséntase acompañada dun estudo introdutorio realizado por Carlos Biscainho. Ademais, poderemos ver o texto grazas a unha lectura dramatizada a cargo de Tito Asorey, Melania Cruz e María Vázquez. O propio día da celebración, o 17, o CCG difundirá na rede a estrea absoluta dunha peza musical composta por Miguel Brotóns a partir dun poema de Carballo Calero. O concerto institucional mantense pero trasládase de data no calendario ao 30 de outubro.

“Farsa das zocas” está baseada nun relato popular recollido en San Sadurniño. Ambientada na vida rural da posguerra, conta un drama familiar con interese económico como pano de fondo. O texto escollido garda a aparencia de teatro popular, ten moitas chiscadelas co teatro culto no expresionismo e na estilización da materia dramática. A presidenta da institución, Rosario Álvarez, destaca que “entre as múltiples facetas salientables, neste libro homenaxe quixemos poñer o foco na vertente de creador, e escollemos a teatral, en que condensa dalgún xeito unha das súas afeccións máis temperás e as múltiples facetas do seu percurso vital”.

Neste texto pódese ver que Ricardo Carballo Calero escribiu teatro para ser representado , el mesmo o puxo en escena co seu alumnado do Colexio Fingoi (Lugo). A presidenta destaca que “segue nisto o plan das Irmandades da Fala de fomentar o teatro como un espazo e un medio para a normalización oral da lingua galega. Ese foi o espírito que quixemos salientar e lembrar nesta publicación” .

Esta obra encaixa dentro do teatro de caretas proxectado por Castelao para renovar a escena galega (aínda que a obra de Carballo sexa anterior) xa que os personaxes da farsa son bonecos que se moven mecanicamente. Ademais, mestura xiros lingüísticos de rexistros populares cun esforzo de estilización e de literaturización propios dun coñecedor profundo do idioma como Carballo. Amósasenos como realmente era: un erudito, un intelectual e un lingüista.

Para Carlos Biscainho, profesor da Universidade da Coruña e autor do estudo introdutorio, a obra “evidencia o desexo do seu autor de dignificar historias e personaxes populares e de poñelos a dialogar con outras dramaturxias do mundo, ademais da vontade de dignificación da lingua popular segundo o modelo lingüístico do Seminario de Estudos Galegos”.

O texto ten outro fito inaugural en si mesmo xa que viu a luz co primeiro número da revista “Grial” en 1963; o que conecta con ese Carballo en contacto coas diferentes iniciativas editoriais que se foron sucedendo no país, pero tamén coas plataformas que do outro lado do Atlántico publicaban textos galegos. Tivo outras edicións posteriores nas que, segundo explica Rosario Álvarez, “a obra se mantén no seu ser pero foi evolucionando lingüisticamente acompañando esta peripecia. Nós editamos a derradeira feita en vida do autor”.

Lectura dramatizada gravada
Por mor da situación actual, a presentación non se pudo celebrar como estaba previsto inicialmente. Por ese motivo, o Consello da Cultura Galega encargou a diferentes actores e actrices profesionais a realización dunha lectura dramatizada. O resultado final é un vídeo de quince minutos de duración que vai máis alá dunha lectura e permite seguir o fío argumental deste texto. Tito Asorey asume a dirección e a interpretación dun papel na obra xunto con Melania Cruz e María Vázquez. Lucía R. Regueiro encargouse da grabación e edición do vídeo e Rosa Moledo do asesoramento lingüístico.

Unha estrea absoluta
Coincidindo co propio día da celebración, o Consello da Cultura Galega ten previsto realizar un pequeno agasallo. Trátase dun concerto que ofrecerá a estrea absoluta de “Ferrol 1916”. É unha peza composta por Miguel Brotóns (Alacant, 1965) baseada no poema homónimo de Carballo Calero da súa obra “Futuro incondicional”. A peza foi interpretada por Alejo Amoedo ao piano e coa soprano Patricia Rodríguez Rico. Brotóns quixo transmitir “baixo unha estética musical de corte neoclásico e posromántico con pinceladas de nostalxia, agarimo e tenrura, os recordos pretéritos do paraíso perdido da infancia do poeta vividos na súa cidade natal de Ferrol”.

O Consello da Cultura Galega no Día das Letras Galegas
Ademais da publicación facsimilar, a institución presidida por Rosario Álvarez celebra esta efeméride cun concerto institucional que serve de antesala festiva ao Día das Letras Galegas. O CCG mantén a proposta pero será máis adiante, o 30 de outubro en Ferrol, en consonancia coa medida adoptada pola Real Academia Galega, entidade promotora do Día das Letras Galegas.

Estes concertos, que se celebran desde o ano 2011 e se desenvolven nunha localidade relacionada coa persoa homenaxeada, implican a estrea dunha peza musical encargada para a ocasión. Coa nova data fixada, a décima edición destes concertos terá lugar no aniversario do día do nacemento de Ricardo Carballo Calero, figura homenaxeada neste 2020. Desenvolverase no teatro Jofre de Ferrol. O anuncio do adiamento do Concerto das Letras Galegas está en consonancia coa decisión adoptada pola Real Academia Galega sobre o Día das Letras Galegas, entidade promotora desta celebración, que adiou o pleno extraordinario dedicado a Ricardo Carballo Calero ao 31 de outubro.