NOTICIA

----

24-N.- A Xornada “Arte + Narrativa Gráfica” propón unha reflexión aberta sobre a actividade creativa do cómic

Coas cen prazas completadas desde hai dúas semanas, o xoves 24 de novembro terá lugar no Consello da Cultura Galega a Xornada “Arte + Narrativa Gráfica”, coordinada por Miguelanxo Prado e María Luísa Sobrino. Trátase de “intentar corrixir o desequilibrio existente entre a potente e importante actividade creativa do comic e a exigua achega teórica que o rodea en Galicia e no resto de España”.

A Xornada comezará ás 10 horas e desenvolverase en sesións de mañán e tarde con dous relatorios e un debate final en cada quenda.

Pola mañá abrirá o ciclo Ricardo Anguita Cantero, profesor titular do Departamento de Historia da Arte e director do Centro de Cultura Contemporánea da Universidade de Granada, que falará sobre “El cómic en la cultura visual contemporánea: de medio de masas a la narración gráfica actual”.

Seguiralle Antonio Altarriba, catedrático de Literatura Francesa da Euskal Herriko Unibertsitatea, co tema “El arte de contar. Originalidad y peculiaridades del relato en viñetas”

Pola tarde, a partir das 17 horas, falará o debuxante Juanjo Garrido sobre “La unicidad del lenguaje expresivo de la historieta”.

Ás 18 horas, Gemma Sesar, editora de “El Patito Editorial” e comisaria a exposición “A Historieta Galega-1973-2008”, disertará sobre “A historieta galega: da conciencia polítifa á conciencia artística”.

A Xornada foi organizada pola Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas, do Consello da Cultura Galega, que coordina María Luísa Sobrino, Catedrática de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela.