O sector da arte centra a cuarta entrega do ciclo de conversas “Diálogos confinados”

As galerías e o mercado da arte son os ámbitos sobre os que xira a cuarta parada do ciclo “Diálogos confinados”. Nesta ocasión, a comisaria e crítica de arte Rosario Sarmiento encargouse de conducir a conversa entre dous profesionais do galerismo cunha ampla traxectoria profesional como son Asunta Rodríguez e Víctor Montenegro. No diálogo destacaron a dificultade de poder facer unha valoración real hoxe en día e coincidiron na necesidade de baixar do IVE para o sector cultural e nunha boa lei de mecenado.

“Analizamos o mundo das artes plásticas e, concretamente, o galerismo e o mercado da arte porque pensamos que é un bo termómetro para coñecer a situación real deste sector” explicou Rosario Sarmiento na presentación deste diálogo. Para Asunta Rodríguez, esta situación “non é semellante á crise de 2008 e polo tanto as solucións deben ser tamén moi diferentes”. Pola súa parte, Víctor Montenegro engadiu que “o mercado da arte internacional naquel momento (en 2008) estaba moi forte e iso permitiunos sobrevivir recorrendo ao mercado internacional”. Esta vez a crise é global e as galerías aínda se estaban a recuperar da situación anterior e hai moita máis incerteza. Montenegro apunta como positivo que “os coleccionistas están interesados en comprar, polo menos no ámbito no que me especializo e por riba dos 10.000 euros, aínda que o mercado da arte está moi conservador”. Con todo, os dous coincidiron na necesidade de tomar medidas con urxencia para minimizar o impacto da crise e redúcenas a dúas: baixar o IVE cultural equiparándoo aos países da nosa contorna e unha lei de mecenado. Ademais, consideran que a arte é necesaria para a nosa sociedade e chegou o tempo de reinventarse.
“O mercado español é fino e translúcido, imos sufrir bastante e teremos que reinventarnos” apuntou Montenegro. Asunta Rodríguez vai un pouco máis alá e cre que “a pandemia será o inicio de moitas outras cousas”. Coinciden no feito de que o coleccionismo seguirá vivo e que nada pode substituír o pracer de ver en directo a arte. “Creo que a paixón de coleccionar arte non vai desaparecer pero terá outras formas” engadiu Montenegro. E nesas novidades o mundo virtual terá moito protagonismo. As vendas en liña neste sector a nivel mundial pasaron de 1.500 a 4.600 millóns entre os anos 2013 e 2016 e ambos os dous pensan que complementará, pero nunca substituirá, o traballo presencial.

Os participantes
Víctor Montenegro é director da Galería Montenegro en Vigo desde 1987. Ademais, durante quince anos foi presidente da Asociación de Anticuarios de Galicia. Pola súa parte Asunta Rodríguez é Académica de Número da Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario e directora da galería Trinta de Santiago dende 1993. Ambos teñen unha ampla experiencia en exposicións e feiras internacionais da arte.

O proxecto
Esta serie de entregas audiovisuais, a modo de pílulas culturais, ten como obxectivo darlle voz á cultura galega nesta situación de parálise. Diferentes voces dos múltiples ámbitos que abrangue o complexo sector cultural achegarannos as súas percepcións sobre a realidade que están a vivir mediante breves diálogos moderados por persoas vinculadas ao Consello da Cultura Galega. Coñeceremos tamén as súas expectativas de futuro a curto e medio prazo e mais que medidas cren necesario adoptar para paliar os estragos que a parálise está a causar no mundo da cultura. O obxectivo é tecermos unha radiografía polifónica da cultura confinada desde Galicia, coas súas perspectivas e demandas para un futuro inmediato.