----

A Xornada “Arte+Narrativa Gráfica” constatou a importancia do cómic e a súa integración na Alta Cultura

O cómic foi superando ao longo dun século a dimensión do entretemento para pasar a formar parte do que coñecemos como Alta Cultura. Así o ve Miguelanxoprado, creador e experto na materia e coorganizador, xunto coa profesora María Luísa Sobrino, da Xornada ”Arte+Narrativa Gráfica”, celebrada hoxe no Consello da Cultura Galega. As sesións, inauguradas polo presidente da institución, Ramón Villares, foron seguidas por máis de cen persoas no salón de actos, mentras un alto número o facía vía streaming a través de www.consellodacultura.org. Os profesores Racardo Anguita e Antonio Altarriba, o debuxante Juanjo Guarnido e a editora Gemma Sesar protagonizaron os relatorios e avivaron o debate mañá e tarde.

Abriu o ciclo Ricardo Anguita Cantero, profesor titular do Departamento de Historia da Arte e director do Centro de Cultura Contemporánea da Universidade de Granada, onde imparte a asignatura “Historia do cómic”. No seu relatorio “El cómic en la cultura visual contemporánea: de medio de masas a la narración gráfica actual” percorreu a evolución deste medio de masas e de expresión artística, un híbrido de debuxo e palabra, desde algúns antecedentes no século XVIII ata a novela gráfica. Lembrou ao suizo Rodolphe Topffer (1799-1846) e as súas viñetas secuenciais con textos, para quen “os debuxos sin texto non significarían gran cousa e o texto sen os debuxos non significaría nada”. Detívose especialmente no gran desenvolvmento e acollida popular do cómic nos Estados Unidos desde finais do século XIX e durante o século XX, coa multiplicación das tiras nos xornais e o fenómeno dos “comic book”, sen esquecer importancia da cultura underground e das revistas alternativas.

Antonio Altarriba, catedrático de Literatura Francesa da Euskal Herriko Unibertsitatea, abordou o tema “El arte de contar. Originalidad y peculiaridades del relato en viñetas”. Aludiu ás tres teorías sobre as orixes do cómic, arte que definiu como producto da vontade de transmitir un relato a través de imaxes xeradas manualmente e describiuno como a expresión dun dos primeiros impulsos do ser humano: contar e trransmitir historias. Constatou que as análises teóricas van neste caso por detrás da creación en si mesma e subliñou o feito de que o cómic pasa neste momento por unha etapa de transición, precisamente nun tempo caracterizado pola seducción da imaxe.

Na sesión da tarde o debuxante Juanjo Garrido reflexionou sobre “La unicidad del lenguaje expresivo de la historieta”. A través dos exemplos de moi diferentes creacións explicou que o cómic pode xerar unha linguaxe expresiva de carácterísticas únicas e salientou a súa contribución á creación de iconos da cultura popular.

Gemma Sesar, editora de “El Patito Editorial” e comisaria a exposición “A Historieta Galega-1973-2008”, completou o programa co relatorio “A historieta galega: da conciencia política á conciencia artística”. Falou dos comenzos en 1970 da man de Raimundo Patiño e Xaquín Marín, viñetas combativas e reivindicativas, que derían paso despois a revistas como ou “Vagalume” ou “Xofre”. Viría logo a etapa dos fanzines e outras experiencias artísticas ata o momento actual con outras proxeccións e temáticas na banda deseñada e con nomes tan sobranceiros como, entre outros, o de Miguelanxoprado.

A Xornada foi organizada pola Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas, do Consello da Cultura Galega, que coordina María Luísa Sobrino, Catedrática de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela.

Outras noticias que te poden interesar: