----

Sinatura do primeiro acordo de colaboración entre o Consello da Cultura Galega, o Instituto Cervantes, o Institut Ramón Llul e o Etxepare Euskal Institutua

A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; o director do Instituto Cervantes, Luis García Montero; a directora do Institut Ramón Llull, Iolanda Batallé, e a directora do Etxepare Euskal Institutua, Irene Larraza, asinarán o primeiro acordo de colaboración conxunto entre estas entidades para promover a lingua e a cultura galega, española, catalá e vasca. A sinatura do convenio realizarase o vindeiro martes 26 de maio, ás 11:30 horas, de maneira dixital e por videoconferencia. Os medios de comunicación poderán seguir o acto en directo e realizar as súas preguntas a través da canle de Youtube do Instituto Cervantes.

O acordo de colaboración que subscriben estas entidades terá unha vixencia de catro anos, que poden ser prorrogables. O protocolo, que será asinado en galego, castelán, catalán e éuscaro, establece un marco de cooperación para participar en accións comúns que promovan, “dentro dos seus ámbitos de actuación e as súas posibilidades, as diferentes culturas e linguas propias do Estado español”. Este primeiro acordo a catro bandas ten a súa orixe na xuntanza que os responsables destas institucións mantiveron en Barcelona o pasado mes de xuño. Nel abordaron posibles vías de colaboración para mellorar a proxección da cultura e as diversas linguas de España a nivel internacional que se concretarán no documento que se asinará o vindeiro martes.