Os “Diálogos confinados” revisan esta semana a creación e xestión cultural no eido das letras

O ciclo “Diálogos confinados” pon o foco esta semana na “creación e xestión cultural no ámbito das letras”. Nesta ocasión, Dolores Vilavedra foi a encargada de dialogar con dúas autoras cunha ampla bagaxe no mundo da xestión cultural e da creación literaria como son Yolada Castaño, desde a poesía, e Eva Mejuto, desde a creación de obra destinada a público infantil. Ambas as dúas autoras fixeron fincapé na debilidade xa previa do sistema, cunha alta precariedade que se agudizou coa parálise derivada da Covid-19. A reconfiguración de eventos, a convivencia necesaria do virtual co real, a necesidade de adaptación á nova situación e evitar a inercia da gratuidade foron algúns dos asuntos sinalados.

A conversa serviu para coñecer a situación de partida e o noso escenario que se abre para un sector en que, en palabras de Yolanda Castaño, “ten moita importancia a presenza física porque nun recital tamén ten outro tipo de significado e de contido”. Ademais, indicáronse unha serie de medidas concretas para axudar a encamiñar a situación actual do sector neste momento de incerteza, que pasan pola dignificación do oficio da escrita (sen a cal non hai industria editorial, nin bibliotecas, nin investigación, nin historia da literatura); a organización das tarifas; o establecemento de axudas públicas á creación literaria; un compromiso institucional firme para que a cultura, como o turismo, sexa unha prioridade para o país e a apelación á responsabilidade individual como público de valorar este traballo cultural, de consumilo, de asistir aos eventos, de compensar o esforzo das creadoras e creadores que ofreceron e ofrecen contidos culturais para o gozo da cidadanía.

No marco da conversa, Yolanda Castaño salientou a riqueza do contacto físico: “a poesía ten esa faceta oral, un pouco escénica e ten que ver con eses eventos e lecturas poéticas. Todo perdeu sentido ao perder a proximidade, caeu todo o traballo e non sei cando poderemos recuperar eses eventos”. Ambas as dúas autoras consideran que este momento é importante porque serviu para poñer de manifesto a xenerosidade do sector pero tamén a importancia dos contidos culturais. Ademais, Eva Mejuto engadiu un terceiro factor: a precariedade. “O sector estaba feble e agravouno. Necesitamos esta reflexión desde moitos aspectos e, sobre todo, pola dignificación da nosa profesión. Hai moitas inercias que temos que romper e ser conscientes de que o mundo dixital non é nin a panacea nin o demo” engadiu.

As autoras
Yolanda Castaño é poeta, filóloga, tradutora, videocreadora e unha activa e premiada xestora cultural coa súa propia Residencia para Escritores/as na Coruña. Dende 2009 dirixe obradoiros literarios, obradoiros internacionais de tradución poética, festivais e ciclos mensuais de poesía con autores/as galegos/as e internacionais. Pola súa parte, Eva Mejuto é xestora cultural e autora. Desenvolveu a súa vida laboral no eido editorial (Kalandraka e OQO) e desde hai tres anos é xestora cultural da empresa Capicúa, que se encarga, entre outros labores, da organización do Salón do Libro de Pontevedra.

O proxecto
Esta serie de entregas audiovisuais, a modo de pílulas culturais, ten como obxectivo darlle voz á cultura galega nesta situación de parálise. Diferentes voces dos múltiples ámbitos que abrangue o complexo sector cultural achegarannos as súas percepcións sobre a realidade que están a vivir mediante breves diálogos moderados por persoas vinculadas ao Consello da Cultura Galega. Coñeceremos tamén as súas expectativas de futuro a curto e medio prazo e mais que medidas cren necesario adoptar para paliar os estragos que a parálise está a causar no mundo da cultura. O obxectivo é tecermos unha radiografía polifónica da cultura confinada desde Galicia, coas súas perspectivas e demandas para un futuro inmediato

Outras noticias que te poden interesar: