NOTICIA

----

Álvaro Cunqueiro, o xornalismo e a literatura, "polemizaron" no derradeiro Faladoiro, celebrado en Vigo

A relación entre xornalismo e literatura, vencellada ao oficio xornalístico e á vocación literaria de Álvaro Cunqueiro (Mondoñedo, 1911-Vigo, 1981) foi o vector principal do undécimo e último dos Faladoiros dedicados polo Consello da Cultura Galega ao creador de "Merlín e familia". Cincuenta persoas escoitaron na Casa Galega da Cultura, sede da Fundación Penzol, as reflexións de Ceferino de Blas, Ramón Nicolás e Victor F. Freixanes, moderados pola profesora e crítica literaria Dolores Vilavedra. Á sesión asistiu Ramón villares, Presidente do Consello da Cultura Galega.

Para Ceferino de Blas, exdirector de "Faro de Vigo" e actualmente conselleiro do diario Decano da prensa española, non hai dúbida de que Cunqueiro foi "un excelente director de periódico e un gran xornalista" e a súa dimensión periodística resulta incuestionable.
Cunqueiro completou a tríada dos grandes directores literarios do "Faro" xunto con Francisco Leal Ínsua e Manuel G. Cerezales. O autor do libro "Cunqueiro y Faro de vigo. El pacto inextinguible" aludiu ao compromiso xornalístico de Cunqueiro e á súa impronta no xornal, alén do impulso literario, ampliando as páxinas dedicadas á presenza da informaciòn local, comarcal e deportiva.

O ensaísta e crítico literario Ramón Nicolás falou das contradiccións de Cunmqueiro ao referirse ao seu traballo e á súa vocación, ou sexa, ao oficio de xornalista e ao compromiso do escritor. O creador mindoniense tiña claro que o xornalismo lle ensinara a escribir con rapidez, brevidade e concisión, pero tamén tiña o perigo de condenar o escritor á esterilidade literaria. Esa contradicción levou nalgún momento a Cunmqueiro a falar da incompatiblilidade das vidas do xornalista e do escritor.

Para o escritor, xornalista e director da editorial Galaxia, Victor F. Freixanes, discrepante con Ceferino de Blas, está claro que Cunqueiro foi escritor e non xornalista, do mesmo xeito que literatura e xornalismo son cousas distintas. "Por suposto que Cunqueiro viviu intensamente a profesión xornalística, de xeito espeical na súa etapa como director do "Faro" (1965-1970), pero él fabulaba, facía literatura nos seus artigos e nos pés de foto e eso non é xornalismo. Era máis ben un escritor que escribía nos xornais".

No coloquio que seguiu ao Faladoiro participaron activamente César Cunqueiro, fillo do escritor, e o profesor e ensaísta Xesús Alonso Montero, integrantes dun público no que tamén se atopaba Alfonso Zulueta de Haz, expresidente do Consello da Cultura Galega.

Os anteriores Faladoiros, organizados polo Consello da Cultura Galega como parte das numerosas actividades do programa "Ano Cunqueiro", coordinado por Henrique Monteagudo, tiveron lugar en Madrid, Lugo, Santiago de Compostela, Ourense, Mondoñedo, Ortigueira, A Coruña, Barcelona, Pontevedra e Ferrol.