A segunda sesión do ciclo “Xestión e políticas culturais nos concellos” busca mañá coñecer a situación doutros territorios

“Reflexións inspiradoras” é o título da segunda sesión do ciclo “Xestión e políticas culturais nos concellos. Retos ante a Covid-19” co que o Consello da Cultura Galega (CCG) lle quere tomar o pulso á situación da xestión municipal da cultura. Na cita de mañá, xoves 28 de maio, participarán Marián Fernández, Mª Camino Barcenilla e Pau Rossell, que poñerán enriba da mesa a situación doutros territorios buscando perspectivas próximas e trasladables á realidade galega.

O ciclo “Xestión e políticas culturais nos concellos” atravesa o seu ecuador cunha sesión que intenta afastarse das lóxicas dos grandes núcleos culturais, que moitas veces dominan os debates e as reflexións en medios de comunicación sobre o sector cultural.

Esta cita, que se pode seguir no web institucional desde as 11:00 horas, está moderada por Marián Fernández, xestora cultural en O Cable Inglés, e conta coa participación de Mª Camino Barcenilla Tirapu, xefa da Sección de Recursos e Desenvolvemento Estratéxico da Dirección Xeral de Cultura-Institución Príncipe de Viana e que forma parte da Comisión de Mecenado. Participou no deseño do Plan Estratéxico de Cultura de Navarra e na redacción da pioneira Lei Foral de Dereitos Culturais. Canda elas estará Pau Rausell, responsable de Econcult, unha das unidades de investigación de referencia en toda Europa no campo da Economía da Cultura. Ademais dunha visión moi ampla sobre as medidas postas en marcha en distintos territorios, actualmente está a recoller os resultados dunha enquisa a axentes culturais para analizar o impacto da Covid-19.

Ciclo en liña
“Xestión e políticas culturais nos concellos. Retos ante a Covid-19” é o nome dun ciclo co que o Consello da Cultura Galega pretende analizar a cultura municipal. O ciclo contará con tres sesións telemáticas nas que se debaterá sobre os retos, perspectivas, estratexias e ferramentas das políticas culturais dos concellos en Galicia.
Na primeira cita falouse de reprogramación, adiamento, adaptación, cambio, oportunidade, potenciar a cultura de proximidade, a cultura de base, a creación de novos públicos e vincular a actividade cultural ao desenvolvemento socioeconómico, entre outras propostas. No marco desa cita analizouse a realidade municipal perante a Covid-19 a través de tres concellos moi diferentes: Boiro, Allariz e Pontevedra.
A última sesión terá un formato diferente e nela abordaranse unha serie de estratexias e ferramentas de actuación neste contexto.

A importancia da cultura nos concellos
O gasto liquidado en cultura polos concellos triplica o das comunidades autónomas e supón seis veces máis que o estatal. En Galicia, segundo datos achegados polo Observatorio da Cultura Galega, no ano 2017 este tipo de gasto ascendeu a 138,1 millóns de euros. Nese mesmo período, a Xunta de Galicia gastou 75,2 millóns e as deputacións 35,4 millóns. Ademais, unha parte importante dese gasto autonómico e provincial distribúese entre as propias programacións, o persoal e iniciativas culturais municipais. Polo que, en último termo, son os pequenos equipos das entidades locais, e mesmo os profesionais en solitario, os que deseñan e executan as principais liñas de traballo cultural no país.

Outras noticias que te poden interesar: